A plataforma SOS Suído fai pública a súa desconfianza ante a parálise na concesión mineira

Serra do Suído, un dos espazos ameazados pola mina de litio Alberta I (Xunta da Galiza).
Desde a Plataforma SOS Suído Seixo-Mina Alberta Non mostran desconfianza ante a denegación da explotación á empresa por parte da Xunta. 

A Plataforma SOS Suído Seixo-Mina Alberta Non móstrase escéptica fronte á denegación da autorización da explotación mineira Alberta I pola Xunta.

Segundo a información publicada en varios xornais, apuntan que na súa opinión o motivo principal da negativa é froito das "posíbeis accións legais ás que se enfrontarían os responsábeis da tramitación do expediente, tal e como se expón nas numerosas alegacións presentadas, ás que a Xunta da Galiza non deu ningunha resposta ás partes interesadas".

Por iso, sospeitan que "o procedemento se retomará nun futuro, favorecendo os intereses da empresa Recursos Minerales de Galicia S.A. (RMG) en detrimento do interese xeral".

Poñen o exemplo do comportamento pasado da Administración. A solicitude da empresa comezaba en 2018, cando presenta un proxecto que incluía unha primeira fase á que denomina Coto Tocayo, na que pretendía escavar unha mina ao oeste do lugar de Doade (Beariz) e a menos dun quilómetro de Acevedo (Avión).

Ao mesmo tempo, solicitaba a Concesión de Explotación mineira Alberta I, de preto de 1.700 hectáreas na busca de minerais como litio, estaño e tántalo nos concellos de Avión e Beariz e A Lama, Forcarei e Cerdedo-Cotobade ao longo de 12 quilómetros, sinala a plataforma.

A Xunta ditaminaba en novembro de 2018 que non era necesario someter o proxecto ao procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental, sen agardar a ter o informe da Confederación Hidrográfica Miño Sil, que finalmente resultou desfavorábel.

"Este procedemento de autorización desde o seu inicio estivo cheo de irregularidades e escurantismo, con falla de información dispoñíbel para a veciñanza e partes afectadas, exemplificada na negativa á asociación ecoloxista Ecoloxistas en Acción da consulta do proxecto (algo inaudito até a data)", apuntan desde a organización.