SOS contra a megaminaría no Suído

A plataforma levou as súas mensaxes ao Concello da Lama.
Como primeiro acto de visibilización, a plataforma SOS O Suído Seixo mobilizouse para trasladar ao Concello da Lama as súas alegacións contra a concesión do proxecto mineiro Alberta I.

A plataforma SOS O Suído Seixo mobilizouse esta sexta feira, 16 de outubro, para trasladar ao Concello da Lama as súas alegacións contra a concesión do proxecto mineiro Alberta I, co que a empresa Recursos Minerales de Galicia SA, filial do grupo empresarial Samca, prevé abrir unha explotación de perto de 1.700 hectáreas nas comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Pontevedra e Tabeirós-Terra de Montes na busca de litio, estaño e tántalo, minerais estratéxicos para o sector tecnolóxico.

Con mensaxes contrarias á megaminaría e ao extractivismo e de defensa do monte, a veciñanza chama á mobilización social e busca apoios en contra dun proxecto que afectará os concellos de Avión, Beariz, A Lama, Cerdedo-Cotobade e Forcarei, e que terá, segundo entende, previsíbeis repercusións negativas sobre o medio ambiente. 

Segundo consta no proxecto, Alberta I é só a primeira das intervencións que a empresa planea nos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón, nos concellos de Avión e Beariz: unha mina subterránea a máis de 400 metros de profundidade que ameaza con mudar a paisaxe exterior pero tamén as características morfolóxicas do terreo e que, apunta a plataforma, pode emitir materiais radioactivos e provocar afundimentos nunha área próxima ás casas e a espazos da Rede Natura 2000. A plataforma denuncia a "ocultación" por parte da empresa de información que considera fundamental para a poboación.

A veciñanza sinala ademais a inexistencia, na tramitación do proxecto, dun procedemento de avaliación ambiental que poida prever os danos que pode causar o proxecto no medio, un trámite que se omite baixo o amparo da Lei de fomento de iniciativas empresariais, coñecida como Lei de Depredación da Galiza. 

Tamén desde Ecoloxistas en Acción veñen denunciando este proxecto, do que salientan que conta cun informe desfavorábel da Comisaría de Augas da Confederación Hidrógráfica Miño-Sil polo risco de afección ás masas de auga con metais pesados. 

Como indican, na anterior tentativa de tramitación, hai seis anos, entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural ou Instituto Xeológico e Mineiro de España xa alertaron das potenciais afeccións por presenza de minerais radioactivos e por contaminación con metais pesados.