SOS Sanidade Pública "ispe" as carencias da Atención Primaria ante o Parlamento

Concentración de SOS Sanidade Pública diante do Parlamento (Foto: Arxina).
A plataforma SOS Sanidade Pública concentrouse onte ante o Parlamento da Galiza, coincidindo co Día Internacional da Atención Primaria, para entregar por rexistro as trece medidas "urxentes" que propuxo na Iniciativa Lexislativa Popular o pasado ano. As carencias nos centros de saúde e nos PAC centraron as protestas.

Coincidindo co Día internacional da Atención Primaria, varias mobilizacións  reuniron esta sexta feira centos de persoas en Compostela, Ribadeo (A Mariña) e Cangas (O Morrazo) para visibilizar o seu descontento pola situación que se vive na Galiza neste eido. SOS Sanidade Pública congregou a maior parte de colectivos diante do Parlamento galego ás 12 horas, é, á mesmo hora, tiña lugar outra en Ribadeo, diante do centro de saúde, convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña. Polo serán, ás 20 horas, a protesta será en Cangas (O Morrazo), diante do Concello.

Desde SOS Sanidade Pública, o seu voceiro, Manuel Martín, sinalou en declaracións a Nós Diario que “hai que parar o proceso de deterioro e desmantelamento do sistema da Atención Primaria”. A plataforma cidadá quixo aproveitar o momento en que se está a constituír o novo Goberno galego para reivindicar “solucións para a maior parte das áreas sanitarias dos centros de saúde”.

Despois da concentración, varios membros deste colectivo accederon ao rexistro do Parlamento para entregar as trece medidas que xa entregaron no seu momento á Administración galega. "Agardamos que o novo Conselleiro, probabelmente o mesmo que foi o autor da actual desfeita, saiba que seguiremos presionando en defensa da sanidade pública", concluíu.  

Falta de recursos

Entre as principais eivas que detectaron desde este colectivo, a principal está relacionada “coa falta de recursos, en primeiro lugar polo proceso de recortes do persoal sanitario”, en particular co “intento de rematar coa pediatría dentro da atención primaria”. Neste tema, puxo en evidencia que, na Galiza, “hai máis de 85 centros de saúde que carecen de pediatría”, unha situación “moi grave para as familias que non teñen outra que facer percorridos enormes para recibir a atencións á que teñen dereito para as nenas e nenos menores de catorce anos”. Neste sentido, lembrou que o orzamento da Xunta da Galiza deste ano “non só non medrou senón que diminuíu”.

Outro dos problemas que salientou Martín é a falta de ambulancias. “O servizo destas, ademais, non cumpren coa súa obriga de trasladar aos enfermos graves aos centros sanitarios”, constatou. Como consecuencia do “mal funcionamento” da Primaria e os Puntos de Atención Continuada (PAC) con listas de agarda considerábeis, o voceiro da Plataforma indicou que se produce “un colapso permanente dos servizos de urxencias dos hospitais públicos polo que “deixan de facer o seu cometido de atender persoas cunha patoloxía grave”. 

Recortes en Ribadeo

En Ribadeo, a concentración, baixo o nome de 'Unha vez máis, en defensa da Atención Primaria', denunciou tamén “as políticas de recortes da Xunta”, en palabras da súa voceira, Montse Porteiro. Segundo explicou a Nós Diario, a situación en Ribadeo vén de lonxe, sobre todo no tema pediátrico. “O facultativo que temos leva tempo sen vir e as substitucións só ocupan dous días á semana”, asegurou, “ademais dos días que non hai consulta, a maior parte das veces derívánse a médicos de familia que non teñen formación pediátrica”, agregou. 

Outra das denuncias deste colectivo é a non reposición dunha facultativa que se xubilou este verán pasado. “As nais e os pais, con este panorama, deciden ir directamente ao servizo de urxencias do hospital onde non os atende en primeiro lugar”, asegurou Porteiro.  Esta situación, segundo o colectivo, implicou que “algunhas familias tamén opten por ir á sanidade privada, polo que estamos a ver que se privatiza o servizo”. 

As carencias de Cangas

No Morrazo, o muncipio de Cangas acollerá a concentración convocada pola plataforma local na que se repetirán consignas demandando solucións ás carencias en saúde mental, falta de atención pediátrica e de reforzos médicos polo verán. A portavoz da plataforma nese municipio, Carmen Nores, explicou a Nós Diario que o espazo que ocupa a atención á saúde mental en Cangas, que atende tamén a Moaña, na actualidade está ocupado “por consultas de especialistas do centro médico privado Povisa”. O proceso que levou a esta situación, segundo Nores, “comezou coa xubilación dun profesional para despois ir diminuíndo cando a problemática mental aumentou”.

O colectivo lembrará que o último plan funcional da área sanitaria de Vigo contempla a incorporación dunha nova praza de psicoloxía clínica, “algo que pedimos que se faga xa”. En Cangas tamén denunciarán a falta de pediatras pola tarde, “un servizo que funcionou desde que se creou”, conta. Neste caso, o servizo reduciuse hai uns anos despois do traslado da profesional que o realizaba. No mesmo caso está o servizo de recuperación, “con listas de agarda que chegan aos oito meses”. Por último, exixirán a recuperación do reforzo de persoal polo verán que eliminou a Xunta.

Piden o cumprimento das 13 medidas da Plataforma

Desde SOS Sanidade Pública entregou no Parlamento o que considera son as trece medidas urxentes para reverter “o deterioro do sistema sanitario público”. O colectivo demanda, entre as primeiras, incrementar o orzamento sanitario até 25% como indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), aumentar o persoal, abrir os centros de saúde fechados e crear novos onde sexa necesario, ademais de reintegrar o Servizo de Ambulancias ao Sistema Público, aumentando a dotación das mesmas. Alén diso, exixen implementar un Plan Urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, garantir a atención médica ás persoas dependentes e reintegrar os servizos que están agora privatizados. 

Precariedade laboral

A listaxe de medidas continúa coa demanda deelaboración dun Plan de Saúde Mental, eliminar a inestabilidade e precariedade laboral, ademais de convocar concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión. Por último, a plataforma solicita recuperar as xerencias de Atención Primaria, reorientar o sistema ao “modelo comunitario e participativo” e desmedicalizar o sistema sanitario para acabar co actual “uso irracional e abusivo dos fármacos”.