A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que Burela só ten unha pediatra para 1.500 crianzas

Centro de saúde do concello de Burela. (Foto: Nós Diario)
O colectivo desprazarase a semana que vén ao centro de saúde do concello para elaborar unha reclamación colectiva.

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que o centro de saúde de Burela conta cunha única pediatra para atender arredor de 1.500 crianzas. “Esta sobrecarga de traballo, que resulta insostíbel para unha soa profesional, viuse incrementada estes días pola ausencia da sanitaria que atende os concellos de Xove e Cervo”.

Así o denunciaron desde a plataforma nun comunicado de prensa, no que indican que, nun comezo, o centro estaba dotado con dúas profesionais de pediatría, mais “desde hai tempo, unha delas marchou a outro destino”. 

Por todo isto, advirten de que “a situación que se está a vivir é moi grave, posto que non se pode garantir unha asistencia pediátrica de calidade, a pesar dos esforzos que está a realizar a profesional e que probabelmente tamén están a repercutir na súa saúde”.

Segundo indica a coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, “o lóxico malestar das familias pola situación xa derivou en reclamacións  das mesmas, polo que esta plataforma quere pórse a disposición da veciñanza de Burela para denunciar publicamente esta problemática”.

Para isto, o colectivo desprazará o seu dispositivo móbil de axuda coas reclamacións ao centro de saúde de Burela o vindeiro 4 de outubro, no seu horario habitual, de 11 a 13 horas. Nesta xornada redactaranse reclamacións colectivas en demanda dun “servizo de pediatría ao completo, que remate coa insostible situación que están a vivir as familias e a única pediatra que hai”. 

Situación semellante noutros concellos

Segundo indica a plataforma, algunhas familias trasladaron queixas sobre a falta de pediatras que tamén está a afectar os municipios de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo desde que a titular de pediatría accedeu a outro destino por un proceso de traslados. 

“Nestes momentos non hai pediatra nestes concellos, polo que non se están a facer as revisións periódicas dos neonatos nin tampouco noutras idades”, sostén o colectivo, unha situación que cualifica como “gravísima, posto que é o persoal pediátrico quen ten que atender as crianzas, non o persoal médico de familia, que por outra banda están tamén en claro déficit”.

Recollida de sinaturas

Paralelamente, a Plataforma Sanitaria da Mariña levará a cabo unha recollida de sinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas urxentes para “recuperar e fortalecer a Atención Primaria”. Esta iniciativa parlamentaria precisa da recollida dun mínimo de dez mil sinaturas para poder ser debatidas no Parlamento, “e xa levamos moitísimas na comarca, dada a excelente acollida que tivo esta campaña entre mariñás e mariñaos”, asegura o colectivo.