A plataforma Nunca Máis alerta ao Estado dos temas pendentes para que outro 'Prestige' non sexa posíbel

Xaquín Rubido (centro) esta quinta feira en Compostela (Foto: Europa Press).
O portavoz da plataforma, Xaquín Rubido, sinalou esta quinta feira en Compostela que "grazas ás mobilizacións do Nunca Máis conseguíronse grandes melloras en salvamento marítimo.

A plataforma Nunca Máis remitiu un documento ao Goberno español, coincidindo co 20 aniversario da manifestación en Santiago de Compostela en contra da catástrofe do Prestige, sobre "os asuntos pendentes, aínda sen resolver, e os temas importantes para que outro Prestige non sexa posíbel".

O portavoz da plataforma, Xaquín Rubido, sinalou esta quinta feira en Compostela que "grazas ás mobilizacións do Nunca Máis conseguíronse grandes melloras en salvamento marítimo, tanto no ámbito normativo como nos medios de protección", pero que "segue habendo un problema estrutural co tráfico diante das costas".

Deste modo, sinalou que en 2021 pasaron fronte ás costas galegas "uns 35.000 buques, dos cales aproximadamente 35% eran de mercadorías perigosas".

Rubido denunciou "a falta de transparencia" e insistiu en que "a sociedade ten que ter información para poder reclamar". Así, o documento remitido ao Executivo estatal pide "que se fagan públicos os lugares refuxio existentes no litoral galego, así como os correspondentes Planos de Acollida para buques necesitados de asistencia".

As reclamacións de Nunca Máis

Nesta liña, Nunca máis reclamou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que traslade información sobre os episodios contaminantes detectados e verificados fronte ao litoral galego, os buques identificados en cada caso e os expedientes sancionadores, entre outros.

Ademais, a plataforma reivindicou a necesidade de que o Goberno español "consensúe e elabore unha nova normativa legal" que articule os "comités de xestión de catástrofes con criterios de independencia e solvencia técnica e administrativa".

Desta maneira, insistiuse en que as competencias en materia de salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña "deberíanse de transferir á Galiza". Tamén subliñou a necesidade de prohibir ou dificultar o recurso ás "bandeiras de conveniencia".

Ademais, a plataforma reclamou que "se volva a baixar ao pecio do Prestige", xa que "se descoñece o nivel de corrosión da estrutura do buque e o nivel de resistencia dos materiais usados para a selaxe das 15 fendas detectadas".