A Plataforma Eiqui Eólicos Non mobilízase contra o Plan de Busmaior

Protesta ante a delegación do Goberno español a pasada semana. (Foto: Eiquí eólicos non)
Comunican a entrega de 1.000 novas alegacións na súa contra e o desenvolvemento dunha andaina de protesta o vindeiro 21 de agosto.

Dez dias despois de que se entregaran máis de 4.000 alegacións contra a instalación dos parques de Barxas e Busmaior -recollidas en colaboración coa plataforma Rural Sostenible- Eiquí Eólicos Non entregou cerca de 1.000 novas alegacións en diferentes rexistros oficiais.

A Plataforma Eiquí Eolicos Non -composta por colectivos como a Asociación A Volta Grande do Courel, Asociación a Fonte do Milagro, Asociación Veciñal e Cultural de Vieiros, Pía Paxaro, Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, Comunidade de Montes de Órreos, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Colectivo Arte Lixo, Asociacion de Indignados de Xestoso ante os abusos medioambientais, Outonía S.Coop, Plataforma vecinal Rural Sostenible ou Cuidemos a Terra-, fixo unha chamada á poboación para asinar alegacións contra os Parques Eólicos de Busmaior e a resposta foi “abrumadora”, con especial participación da veciñanza de Quiroga, Folgoso, Valdeorras, a Rúa, Redondela, Cambre, Ourense ou Compostela.

11 aeroxeradores de 60 MW

O Plan Eólico de Busmaior prevé a instalación de 11 aeroxeradores de 60 MW, e está promovido pola Sociedade promotora Enel Green Power España.

Nas alegacións denúnciase que nin os quilómetros cadrados que avalía a promotora nin os concellos que nomea dentro do impacto “se corresponden coa totalidade de territorio afectado polo parque, xa que nin as unidades de estudo escollidas son suficientes para avaliar os impactos, nin se presenta relación de bens e dereitos afectados para a súa exposición pública, nin se indica a superficie da poligonal do parque e as coordenadas desta, o que impide coñecer o verdadeiro alcance do proxecto sobre a Rede Natura 2000”.

Isto significa que “se producirán danos e prexuízos irreparables na Rede Natura 2000 e, polo tanto, en diferentes Zonas de Especial Conservación”. Estes territorios contan con numerosos hábitats vexetais de interese prioritario, así como fauna protexida –polo menos 43 especies de mamíferos e 119 de aves-, entre as cales destacan o Galemys pyrenaicus (toupeira da auga), na categoría de "Vulnerábel" segundo o Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA) e na de especie "En Perigo de Extinción" no Catálogo Español de Especies Ameazadas (CEEA, Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro) ou o Ursus arctos (oso pardo), catalogado como "En Perigo de Extinción".

Ademais, Eiquí Eólicos Non denuncia que "o proxecto carece dunha avaliación do impacto socioeconómico que causará sobre as explotacións forestais e madereiras da zona afectada", así como sobre as explotacións de cultivo de vide e soutos nos territorios afectados, causando ademais “danos irreversíbeis no patrimonio paisaxístico, xeolóxico e etnográfico das zonas nas que se sitúa”

Andaina reivindicativa o 21 de agosto

Por outra banda, Eiquí Eólicos Non anuncia unha andaina na serra do Courel o vindeiro sábado 21 de agosto, que contará con dous roteiros distintos: un para familias, de 3 quilómetros, entre Hórreos e o Chao do Lobo, con saída de Hórreos ás 11.00 horas, e outro de 10 quilómetros entre o alto do Couto e o Chao dos Lobos, con saída do Couto ás 10.00 horas.

Na actividade, ademais, haberá un xantar popular, charlas divulgativas e un recital poético.