Adega critica o plan forestal

A plantación de eucaliptos crecerá 3% até 2025

Plantación de eucalipto nun monte galego (Adega)

A Asociación Ecoloxista Adega denuncia que o novo Plan forestal do Goberno galego, exposto publicamente en 2018 e agora en trámite no Parlamento, supón “máis eucalipto” e provoca “menos consenso social que nunca”. Eis os seus motivos.

O novo Plan forestal, actualmente en trámite parlamentario, prevé un aumento dun 3% no primeiro quinquenio de aplicación (2021-2025) e unha redución dun 5% con respeito á superficie actual (para o período 2036-2040). Porén, Adega advirte de que “tendo en conta que a estimación de superficie para o xénero Eucalyptus en 2009 era de 307.984 hectáreas, das que 40.000 poderían ser de E. nitens, como se pode falar de aumento ou redución se non se coñece a superficie real actual?”. Adega calcula que neste momento as plantacións do xénero Eucalyptus atinxan xa máis de 600.000 hectáreas.

A Xunta afirma que ese aumento inicial de 3% correspondería case en exclusiva ao E. nitens e a redución neta final do 5% explícaa pola “transformación” de eucaliptais degradados e por un maior “control administrativo” destas especies. “Se a Xunta aplica o mesmo control administrativo que durante a anterior planificación de 1992 (prevía 245.000 ha de eucalipto para 2032 e hoxe supéranse xa as 600.000 ha), Ence Finsa, Greenalia... terán que dispoñer máis cadeiras nos seus consellos de administración”, ironiza a asociación ecoloxista.

A respecto dos piñeiros e outras coníferas, o plan propón no seu horizonte de aplicación (2040) un aumento doutras 50.000 hectáreas e prevense 11.699 ha máis doutras frondosas en relación ao estimado en 2009. “a Xunta non foi quen de realizar en 29 anos o inventario de masas previsto... Así pois, prevé unha superficie ocupada con especies autóctonas en 2040 de 425.000 hectáreas, mesmo rebaixando en 43.301 ha os obxectivos con respecto á versión do plan de 2018, que pretendía chegar ás 468.301”.

Datos “desfasados”

Adega advirte de que as referencias documentais para estabelecer a nova planificación forestal parten de “datos moi desactualizados”. A “fotografía forestal” a partir da que se incardinan as diferentes medidas de xestión é o Inventario Forestal Nacional realizado para a Galiza en 2009 e publicado en 2011.

“Alén deste grave desfase, a propia Administración recoñece que non é quen de cuantificar a superficie real que atinxe o Eucalyptus nitens porque nos inventarios non foi posíbel diferenciala da ocupada polo E. globulus", lamenta Adega.

A respecto das das frondosas autóctonas, no citado inventario ocupaban 413.301 ha, e malia a que o Plano forestal de 1992 recollía a obriga de realizar outro inventario, “29 anos despois aínda non está feito”. “Por tanto, en base a que se pretende facer unha “lanificación sustentábel?”, pregúntase Adega.

Incremento das cortas de madeira

Por outra banda, e malia descoñecer a situación de partida, a Xunta propón tamén incrementar as cortas de madeira até os 12 millóns de metros cúbicos e a xeración de biomasa para “bioenerxía” até os 2,3 millóns de toneladas ao ano.

Neste contexto, Adega denuncia que a norma “nace xa obsoleta, sen consenso” e que é “fortemente produtivista e industrialista”. A Xunta, afirma a asociación ecoloxista, “pretende ademais branquear as décadas de desleixo administrativo e descontrol intencionado co eucalipto”.