A Xunta acórdase agora do inventario forestal

Despois de anos agardando polo documento, o sector forestal ve como a Xunta dá os primeiros pasos para contar cun Inventario Forestal.
Plantación de eucaliptos. (Foto: Arxina)
photo_camera Plantación de eucaliptos (Arxina).

Poucas decisións se poden tomar nunha materia se non se ten coñecemento claro do punto de partida. E cantos máis datos se teñan e canto máis precisos sexan, mellor. De aí que o Inventario Forestal sexa aínda a día de hoxe unha das reivindicacións históricas do sector forestal galego. 

Após varios anos de desleixo por parte dos gobernos do PP e da dirección xeral de Montes, capitaneada por Tomás Fernández Couto e agora dividida en dous, a Xunta botou onte a andar unha comisión mixta coas universidades de Compostela e Vigo para confeccionar este documento, vital para a planificación forestal da Galiza. 

No transcurso do encontro, que se realizou por videoconferencia e que estivo presidido polo director xeral de Planificación de Ordenación Forestal, José Luis Chan, quen asumiu parte das funcións en mans de Fernández Couto durante varios lustros, a Xunta mailas universidades revisaron as principais tarefas programadas para 2020, moitas delas relacionadas coa metodoloxía que se vai empregar para o inventario, en especial a determinación de estratos e variábeis principais, así como o desenvolvemento da infraestrutura de datos, metodoloxía de clasificación e sistema de detección de cambios. 

Como apuntan desde a Consellaría de Medio Rural nun comunicado, o obxectivo final do Inventario Forestal Continuado é facer un seguimento do estado da cantidade e da situación das masas arboradas e, por outra banda, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitorización forestal continuado. Servirá, pois, entre outras cousas, para determinar o avance real do eucalipto e as medidas a tomar ao respecto.

O orzamento total para o desenvolvemento deste convenio entre a Xunta e as universidades de Compostela e Vigo ascende a 640.000 euros, dos que 574.000 proceden da Consellaría de Medio Rural e os 68.000 restantes das universidades. 

Comentarios