Os colectivos contrarios á revisión do Plan Forestal acoden ao Parlamento para pedir a súa retirada

Reunións cos diferentes grupos parlamentares.

Representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG) reuníronse esta semana cos grupos parlamentares do BNG e PSOE após facelo a pasada sexta feira co do PP. A representación estivo integrada, desta vez, por Diego Sánchez Agra, Manuel da Cal, Benito Andrade, Xosé Alfredo Pereira, Cristóbal López e Belén Rodríguez.

A delegación explicou aos deputados e deputadas do PSOE e o BNG os argumentos nos que sustentan o rexeitamento á revisión do PFG e que se resume nun decálogo que se lles entregou actualizado con respecto á semana pasada e que transcribe a continuación.

Así, entenden que desde o Goberno galego faise "unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do eucalipto". Ademais, inciden en que este plan "carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural".

"Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico", critican, e  potencia "a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios", para alén de "agravar a situación de abandono e desertización do rural galego" e de "alentar a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal".