Investigan o achado dunha nova planadora en Muxía semellante ás 'narcolanchas' que apareceran en Ribeira

A lancha varada na praia de Nemiña. (Foto: CRTVG)
A embarcación sería empregada para descargar estupefacientes en terra e logo quedaría abandonada á deriva.

Na mesma semana na que un operativo 'antidroga' desmantelou un laboratorio de cocaína nunha vivenda de Cerdedo-Cotobade e que se saldou con 18 detencións até o momento en todo o Estado español, 12 delas na Galiza, e tras detectarse un novo 'narcosubmarino' na ría de Arousa, unha planadora apareceu varada na praia de Nemiña, en Muxía (comarca de Fisterra). Foi unha embarcación que se atopaba próxima ao lugar a que alertou do achado ás autoridades.

A lancha é de dimensións e forma semellantes á das dúas que o pasado mes foran parar ao litoral de Ribeira, que fontes policiais vincularon coa trama do citado 'narcosubmarino', e permanece na mañá desta sexta feira no areal de Nemiña á espera da chegada dun guindastre de maior tonelaxe para proceder á súa retirada.

O dispositivo articulado na tarde desta quinta feira após o achado fracasou nos intentos para sacar da praia esta embarcación, baleira, duns 10 metros de eslora e que conta con catro motores. Fontes da Garda Civil trasladaron que o guindastre mobilizado onte non tiña a capacidade de manipular a planadora, que se atopa boca abaixo, debido ao seu peso.

Despois do aviso realizado por unha embarcación, até o areal acudiron varias dotacións da Garda Civil, así como axentes de Policía Local e voluntarios de Protección Civil de Muxía para investigar o sucedido.

Estas embarcacións adoitan empregarse para descargar drogas en terra e logo son abandonadas á deriva

A zona, do mesmo modo que o resto do litoral galego, está afectada nesta xornada por condicións adversas no mar e un temporal de nivel laranxa, polo que as primeiras pesquisas apuntan que podía levar moito tempo abandonada no mar e que as fortes ondas a arrastrarían até Muxía.

Este tipo de embarcacións, de gran tamaño e potencia, son habitualmente utilizadas para descargar a terra substancias estupefacientes e, a continuación, son abandonadas á deriva. A lancha aparece só 10 días despois de que se localizase en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) o 'narcosubmarino' que sería utilizado para introducir cocaína en Europa desde América.