O plan de xestión das Fragas do Eume mobiliza os propietarios con terras no parque natural

Mobilización de propietarios contra o plan de xestión "sen consenso" do parque natural das Fragas do Eume. (Foto Europa Press).
O colectivo demanda á Xunta da Galiza máis compensacións económicas polas limitacións que supón para os seus predios.

Un centenar de persoas propietarias de terreos emprazados no parque natural das Fragas do Eume concentrouse na mañá deste sábado, durante dúas horas, nas inmediacións do local social de Ombre, en Pontedeume.

Non é a primeira vez que se manifestan publicamente contra o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) deste enclave natural, pertencente aos municipios da Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume, aprobado pola Xunta da Galiza a principios de marzo deste ano.

En case 4.000 hectáreas non se pode facer nada, salvo investigación

O documento non convence a veciñanza, alcaldes e propietarios, mais tampouco aos colectivos ecoloxistas que denunciaron o desleixo e demora da Xunta no ordenamento e xestión das fragas.

Sen consenso

A presidenta da Asociación Parque Natural do Eume, Natureza e Desenvolvemento, María Ángeles Pita Balsa, explicou que levaban "tempo pedindo" o plan, pero lamentou que se fixese "sen consenso". "Presentáronnos un borrador e logo aprobárono, sen chegar a ningún tipo de acordo", afeou.

Segundo dixo, aos propietarios dos terreos "hai que compensalos", mais, pola contra, o documento aprobado pola Xunta "o único que recolle son compensacións de 1.100.000 euros por dous anos para facer compras, compras de parcelas no parque".

Pita Balsa detallou que no parque hai 9.125 hectáreas, das cales algo máis de 430 son de reserva e máis de 3.000 de uso limitado, "o que supón que en case 4.000 hectáreas non se pode facer nada, salvo investigación".

Ante este escenario, a voceira do colectivo de persoas propietarias asegura que na práctica os afectados "perderon todo, os que o teñen en reserva non poden facer nada, co cal é coma se non o tivesen". Ademais, no uso restrinxido, "son uns usos tan limitados que tampouco poden facer nada".

Axudas

María Ángeles Pita Balsa confirmou que "non están en contra" do parque natural das Fragas do Eume, "pero o que non podemos facer é propoñer un espazo de uso limitado de case 4.000 hectáreas á conta dos propietarios, que algúns son donos dunha certa extensión, pero outros son propietarios de pequenas terras, e iso entendémolo como un abuso", continuou.

Ademais, lamentou, a Rede Natura, da que o parque é parte desde 2004, ten acceso a fondos europeos dos que a eles "non chega nada".