O Sergas retoma o plan de igualdade que a lei obrigou a desenvolver hai 13 anos

Imaxe do colectivo Enfermeiras en loita. (Foto: Cedida)
O Servizo Galego de Saúde é unha empresa na que as mulleres representan case 80% do persoal. Se ben os sindicatos advirten que é pronto para sacar conclusións dos datos que veñen de recibir, apuntan a unha "segregación vertical" das mulleres dos postos de maior responsabilidade, das dificultades para conciliar ou da eventualidade e da temporalidade das traballadoras.

Se as mulleres paran, a sanidade pública galega para. Elas representan 77,8% do persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Así consta no documento de diagnose presentado polo propio Sergas aos sindicatos, un paso máis no camiño a aprobar un plan de igualdade de xénero. A porcentaxe de mulleres increméntase, di o informe, entre o persoal de menor idade. As mans que fixeron fronte á pandemia da Covid-19 son, maioritariamente, femininas.

A presenza das mulleres é especialmente relevante na atención hospitalaria, se ben se reduce nalgúns ámbitos. É o caso do persoal facultativo, con 6 de cada 10 profesionais mulleres. Nas restantes categorías a distancia agrándase, coa segunda menor fenda no persoal de xestión e servizos, con case 30% dos postos cubertos por homes. 

Dificultades para conciliar

En 2018 constituíuse a comisión de igualdade para traballar no que será o primeiro plan do Sergas. "Chegou once anos tarde, foi en 2007 cando se aprobou a lei orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes", lamenta Ester Mariño, técnica de igualdade da CIG e asesora na mesa da comisión. A pandemia acrecentou aínda máis esta demora. A primeira e segunda fases de cinco complétase coa diagnose e identificación dos problemas que o Servizo Galego de Saúde achegou aos sindicatos. "É cedo para facer unha valoración, porque estes datos non sacan á luz as realidades máis concretas que nós percibimos co noso traballo", di Mariño.

Para Carmen Rivas, secretaria do Sindicato de Enfermaría, a foto ampla que tomou o propio Sergas amosa como "moitas das desigualdades que percibimos teñen resposta no papel da muller na sociedade". "As retribucións salariais de base son as mesmas en todas as categorías, mais elas optan en menor medida a complementos retributivos que impliquen máis horas de traballo para poder coidar menores ou maiores ao seu cargo", valora Rivas en conversa con Nós Diario.

"Non só porque o Sergas sexa unha empresa feminizada. Se comparamos a información de maneira proporcional, son elas as que máis solicitan excedencias e reducións de xornada. A conciliación non é real", resalta Emilia Lamas, de CCOO, en declaracións a este medio. 

Lamas tamén fai fincapé no "tremendo teito de cristal" que afasta as mulleres dos postos de maior responsabilidade. "Nos cargos intermedios non atopamos esta falta de paridade. Pero, por exemplo, das sete áreas sanitarias da Galiza só unha ten unha muller na xerencia, a de Compostela",  explica. "Hai unha clara segregación vertical", remacha Mariño. 

Maioría de temporais

As dificultades para conciliar acrecéntanse nas persoas anotadas nas listas de contratación temporal, 85,1% mulleres. Redunda o Sergas que isto se debe "ao alto número de mulleres que figuran como aspirantes". Segundo un informe do Consello de Contas con base nos datos de 2018, a temporalidade na sanidade galega situouse en 43% na atención hospitalaria e 31% na Primaria. Ambas as dúas aumentaron 3% respecto a 2017.

"A taxa de contratación temporal e a tempo parcial é moi importante. Cómpre tomar medidas ao respecto no plan de igualdade. Esas listas de contratación obrigan as profesionais a vivir por e para o Sergas, permanentemente pendentes dos seus teléfonos", asegura Mariño. 

"Temos que falar de como implantar medidas para que as persoas que concilien puntúen nas Ofertas Públicas de Emprego que se convoquen", observa. No mes de xaneiro está previsto que os sindicatos poñan as súas propostas enriba da mesa", abunda Lamas. 

Eventuais piden unha OPE

Precisamente onte médicas e médicos eventuais e interinos de toda a Galiza presentaron máis de 1.200 sinaturas reclamando unha Oferta Pública de Emprego extraordinaria para rematar cunha situación laboral que catalogan de "irregular e precaria".  "Algúns encadeamos contratos desde hai moitos anos, nalgún caso mesmo desde dez", critican.

Unhas condicións análogas ás denunciadas polas Enfermeiras Eventuais en Loita e que están a ser investigadas actualmente pola Comisión Europea.