A temporalidade do persoal do Sergas atinxiu 43% na atención hospitalaria en 2018

As Enfermeiras Eventuais en Loita nunha manifestación en Compostela en febreiro de 2020 (Imaxe: Arxina).
O  informe do Consello de Contas dese exercicio sitúa en 31% a temporalidade na Atención Primaria. "Os índices continúan sendo altos", advirte. O documento agrega que o gasto nos concertos incrementouse en 3% respecto a 2017, un total de 208 millons de euros.

A temporalidade do persoal do Servizo Galego de Saúde aumentou en 2018 respecto do ano anterior. Así o sinala o Consello de Contas na súa anáise da Conta Xeral do Sergas, un dos informes de fiscalización que o seu conselleiro maior, José Antonio Redondo, entregou esta sexta feira ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

No documento, o Consello de Contas advirte que "os índices de temporalidade continúan sendo altos" nese exercicio, situándoos en 43% no caso da atención especializada e 31% na atención primaria. Así mesmo, destaca que a temporalidade medrou respecto ao exercicio anterior, 3% en ambos os casos.

En relación a 2017, Contas observa a diminución de 777 efectivos medios de persoal propietario e o aumento de 772 interinos. Ao tempo, "as contratacións temporais de eventuais e substitutos aumentaron en 612 efectivos", un incremento de 7%.

Colectivos como Enfermeiras Eventuais en Loita ou Facultativos Eventuais en Loita veñen denunciando a inestabilidade laboral destes profesionais, que poden encadear ducias de contratos ao longo de anos.

Máis gasto en concertos

Contas tamén sinala que en 2018 o Sergas incrementou o gasto en concertos en 3% en comparación co ano anterior, un total de 208 millóns de euros destinados a esta cuestion. Así o detalla no informe, no que recomenda de novo regularizar concertos que "se manteñen no tempo" sen o "soporte contractual axeitado", así como sen xustificar a súa urxencia.

O documento tamén apunta que a actividade concertada supón 5% do seu "gasto real" no exercicio de 2018 e destaca que hai determinados servizos "nos que non se emprega ningunha fórmula contratual".

A entidade agrega que se recorre de maneira reiterada ás autorizacións de uso sen, na maior parte dos casos, "acreditar as necesidades urxentes que se pretenden atender". O Sergas limítase a enumerar os servizos necesarios. 

Dotacións insuficientes

A maiores, o ente fiscalizador detecta desaxustes "estruturais" entre o presuposto inicial do Servizo Galego de Saúde e o seu gasto real posterior. Lígao a que dotacións iniciais que se marcan "son insuficientes" para atender eses gastos e salienta que parte deles, de "carácter previsíbel", son sufragados recorrendo ao fondo de continxencia, de natureza extraordinaria. 

Esta é unha eiva que Contas xa ten advertido en pasados exercicios.  No exercicio de 2019, o ente fiscalizador sitúa a financiación adicional en 209 millóns de euros.