As pinturas rupestres da Cova Eirós, en perigo pola actividade mineira en Triacastela

A mina a ceo aberto de Cementos Cosmos en Vila Vella pon en xaque a supervivencia dos restos arqueolóxicos máis antigos do Noroeste peninsular. A empresa denunciou un activista ao que acusa de prexudicar a súa "imaxe" e "honra".

 

Cementos Cosmos mantén a súa actividade extractiva na parroquia de Vila Vella (Triacastela), a poucos metros do lugar onde se atopan os restos arqueolóxicos e pinturas ruprestres máis antigos do Noroeste Peninsular. Trátase da Cova Eirós, un emprazamento único no que foron achados restos dun lume neanderthal datado hai máis de 118 mil anos, e único en Europa. 

Malia as denuncias que exixen a nulidade da licenza coa que está a operar a cimenteira, Cementos Cosmos continúa a traballar desde "hai dúas semanas" xusto "enriba da Cova", aseguran desde o Partido da Terra. Veciñanza e activistas en defensa do territorio apuntan que a empresa está "retirando o pouco material que aínda evitaba a entrada de auga" no interior das cámaras ou salas do xacemento. "Co que chova" neste outono, advirten, de non suspender a actividade mineira, "as pinturas desaparecerán, se non desapareceron xa". 

O uso de materiais explosivos para a extracción do mineral está a provocar a entrada de auga nas salas onde se atopan as pinturas

O acceso á Cova Eirós non é doado e, nalgúns puntos, o acceso nen sequera está autorizado. Porén, o PT afirma que "neste mes de xullo" unha persoa teríase achegado até o interior deste espazo, "incluídas as zonas onde non deixan entrar" e asegurou que o seu estado é "terríbel". 

A auga entra na Cova

"A auga escorrega polas paredes lavando as pinturas". Mais iso, din, "era no verán". Se non se tomaren medidas, alertan, "despois do inverno xa non ficarán pinturas". O proxecto arqueolóxico que mantiña o estudo da Cova Eirós contabilizou até 94 pezas, para alén de restos humanos de hai 120 mil anos. 

O xacemento arqueolóxico, único no Noroeste peninsular, atópase localizado na Rede Natura 2000 e limita coa área de protección do Camiño de Santiago. Así as cousas, nada impediu que o goberno local, en mans do Partido Popular, autorizase a Cementos Cosmos para extraer os recursos minerais da zona empregando materiais explosivos, o que, din, "alterou os niveis freáticos". 

O concello mantén a licenza a Cementos Cosmos

A comezos do mes de outubro, o grupo parlamentar de AGE exixiu, de novo, a paralización da actividade e lembrou en sede parlamentar que a licenza fica suspendida após presentaren un recurso de reposición contra a mesma. Neste senso, de acordo coa Lei de Réxime Xurídico do procedemento administrativo, a suspensión "é de plena aplicación" ao transcorreren "30 días desde a entrada da solicitude" que visa paralizar os traballos da cimenteira. 

A cementeira denunciou o presidente da Asociación O Iríbio, a quen pide 45 mil euros de indemnización por "prexuízos" á súa honra e imaxe

O deputado de Alternativa, Antón Sánchez, asegurou que "se a alcaldesa de Triacastela non atende ao recurso e á nosa solicitude pode incorrer en responsabilidades administrativas ou mesmo penais, como a prevaricación omisiva". No entanto, a rexedora, Olga Iglesias, defende a legalidade de Cementos Cosmos e da súa autorización argüíndo que conta cos informes técnicos favorábeis. Aliás, mesmo afirma que "por primeira vez" a licenza contempla unha "área de protección de 50 metros para a Cova Eirós", de acordo coas demandas de Patrimonio. 

Mais activistas e ecoloxistas manteñen que a cementeira está a retirar a "coberta vexetal impermeábel e o macizo rochoso de caliza" que se sitúa na parte superior do xacemento e advirten que de non facer nada este espazo rematará por ser destruído. 

Entrementres, Cementos Cosmos denunciou o presidente da Asociación Iríbio, Marcos Celeiro, a quen acusa de ter prexudicado a súa "imaxe" e "honra", polo que pide 45 mil euros en concepto de indemnización. Distintos colectivos iniciaron unha campaña de recollida de fondos para axudar a Celeiro a pagar a multa baixo o lema 'Cementos Cosmos, eu não calo!'.