Veciñ@s de Triacastela denuncian a ocupación ilegal do comunal pola cementeira Cosmos

Co apoio de Adega e da asociación cultural O Iribio, reclaman ao Concello que defenda os seus dereitos fronte aos intereses da empresa, que alega dispor do monte en virtude dun decreto de expropiación asinado nos anos da ditadura

A asociación ecoloxista Adega, canda a asociación cultural O Iribio e a asociación veciñal Monte Caldeirón, andan a reclamar do concello de Triacastela que defenda o dereito da cidadanía sobre o monte comunal de Vilar, coñecido como A Pedra, e que fica a día de hoxe ocupado "ilegalmente" pola empresa Cementos Cosmos. Amparándose nun decreto de expropiación asinado en 1971 --na ditadura--, a cementeira iniciou xa os traballos de apertura de pistas e deforestación deste monte para estender a actividade mineira a ceo aberto da canteira de calcaria que posúe no municipio.

Segundo os tres colectivos, a empresa paralizou temporalmente a súa actividade na zona ante a oposición veciñal, e respecto da propiedade do monte no seu haber consta unicamente "un documento de compra-venda desa parcela 'por mutuo acuerdo entre entidad expropiada y la sociedad beneficiaria', asinado entre a empresa e o alcalde daquela época. Daquela os montes comunais estaban baixo titularidade municipal.

No entanto, Adega, O Iribio e Monte Caldeirón sosteñen que dita compra-venda é "de dubidosa legalidade e nula lexitimidade" porque, segundo o dereito galego sobre montes comunais, estes son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables. É por iso que @s veciñ@s instan o concello --actual titor do monte comunal-- que defenda "os intereses do pobo" fronte "ás intencións de usurpación privada e ilegal" de Cementos Cosmos, que ademais "carece de licenza municipal" para desenvolver a súa actividade na zona.

Por outra banda, os veciños de Triacastela solicitaron a paralización da canteira e denunciaron a ocupación do monte na Garda Civil, o cal deu lugar a apertura dunha dilixencia por delicto penal contra a empresa e que se está a instruír nos xulgados de Becerreá. Segundo Adega, a "arrogancia" da cementeira "mesmo chega a manifestarse a través do bloqueo de camiños naturais de acceso ás aldeas". Na liña, citan o lugar do Castiñeiro, cux@s habitantes "teñen que arrodear 12 quilómetros de máis" para chegar até as casas.