Salvemos Cabana denuncia en Bruxelas os prexuízos da minaría na Cova Eirós

Cova eirós

O Consello de Europa deberá pronunciarse a respeito da extracción mineira que prexudica un xacemeto arqueolóxico único, en Triacastela.

 

A denuncia presentada pola plataforma Salvemos Cabana considera que a aprobación da licenza en Triacastela vulnera o establecido no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico e no Convenio Europeo da Paisaxe e insta á paralización da actividade. Unha medida que xa foi demandada perante o Parlamento de Galiza polo grupo parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). 

No concreto, a plataforma denuncia que a autorización administrativa concedida a Cementos Cosmos para reiniciar a extracción mineira en Don Isidro (Triacastela) supón graves prexuízos patrimoniais na zona onde se atopa o principal xacemento prehistórico de Galiza, a Cova Eirós, así como varios tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por este concello. 

A mina pon en perigo o xacemento arqueolóxico máis antigo do noroeste peninsular

A licenza foi outorgada polo Concello de Triacastela, en mans do Partido Popular, e a súa retirada xa foi exixida polo deputado de AGE, Antón Sánchez, o pasado 26 de agosto ao considerar que a empresa, Cementos Cosmos, non cumpre coas exixencias legais para desenvolver os traballos na mina. "A eficacia da licenza e, polo tanto, o comezo de actividades pola empresa, quedaban expresamente supeditados ao cumprimento dunha serie de condicións (autorizacións da Confederación Hidrográfica, cautelas de protección sobre a Cova de Eirós e Camiño de Santiago, entre outros)", afirmaron desde Alternativa. Feitos que, aseguran, non se cumpren na actualidade.

AGE e Salvemos Cabana exixen a paralización da actividade mineira para protexer a Cova Eirós

E é que estes bens patrimoniais protexidos pola lexislación vense gravemente prexudicados pola actividade na mina para cuxa extracción se empregan, entre outros métodos, explosivos. Dunha banda, a Cova Eirós acolle restos humanos con máis de 200.000 anos, exemplos de arte rupestre semellantes aos atopados nalgunhas das salas do xacemento de Atapuerca e numerosos úteis prehistóricos que foron considerados por distint@s arqueólog@s como unha "reliquia histórica". 

Neste senso, desde Salvemos Cabana advirten "supón un alto risco" para a súa conservación a única medida de seguranza adoptada pola cementeira que é a separación en 50 metros da mina e a cova. "De pouco serven na práctica", subliñan, "cando dúas terceiras partes" dos restos arqueolóxicos de Eirós "están en terreos da concesión e por baixo da canteira".

Boa parte dos restos arqueolóxicos de Eirós atópanse soterrados baixo a mina de Cementos Cosmos, o uso de explosivos podería destruílos

Neste senso, instan a Xunta de Galiza a catalogar como BIC a Cova Eirós "pola presenza de numerosas manifestacións de arte rupestre" e a cumprir cos artigos 4 e 5 do Convenio europeo para a protección do Patrimonio Arqueolóxico polos que se require "pór en práctica medidas de protección física do patrimonio arqueolóxico" que comprendan "a adquisición ou a protección polos medios apropiados, por parte dos poderes públicos, de espazos destinados á constitución de reservas arqueolóxicas", "a conservación e mantemento do patrimonio arqueolóxico, preferentemente in situ" e "a modificación dos plans de ordenación que poidan afectar negativamente ao patrimonio arqueolóxico". 

O Camiño Francés

Da mesma maneira, desde a Plataforma Salvemos Cabana salientan os prexuízos que carrexa a actividade da cementeira sobre algunhas etapas do Camiño de Santiago ao seu paso polo Concello de Triacastela. "A explotación minera de Cementos Cosmos ten unha incidencia directa sobre un dos tramos máis espectaculares de todo o Camiño de Santiago, declarado como Itinerario Cultural Europeo en 1987 polo propio Consello", explican. 

Polo que Salvemos Cabana "considera que a autorización administrativa a Cosmos incumple tamén os términos do Convenio Europeo da Paisaxe , que lanzado polo Consello de Europa ten como obxectivo fundamental promover a súa "protección, xestión e ordenación", acrecentan nun comunicado de imprensa.