VÍDEO | Novo agravio ao Panteón de Galegas Ilustres: pingueiras sobre a sepultura de Castelao

Pingueiras sobre o sepulcro de Castelao, no Panteón de Galegas Ilustres. (Foto: Nós Diario)

A falta de mantemento do inmóbel pon en risco a súa conservación

“Gardádevos da chuva vós que podedes. Castelao non ten, por agora, esa opción”. Con esta mensaxe compartía o usuario @turonio no seu perfil da rede social ‘X’ (antes Twitter) un vídeo no que se pode ver como as pingueiras caen nada máis e nada menos que sobre a sepultura de Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Compostela.

As chuvias que acompañan a borrasca Nelson volveron provocar pingueiras no inmóbel que garda tamén os restos de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Francisco Asorei e Domingo Fontán.

E é que esta situación non é ningunha novidade. O mal estado das cubertas e a ausencia de mantemento do edificio resulta na manifestación de pingueiras cada vez que chove, na existencia de humidades permanentes nas paredes do Panteón e incluso na aparición de vexetación no seu interior.

Hai pouco máis dun mes, o 23 de febreiro, a Xunta da Galiza anunciaba “actuacións de urxencia” para frear as humidades que afectan o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao edificio, incidía no “deber de todas e todos” para garantir a súa conservación.

Con todo, e vistas as imaxes publicadas nas redes sociais esta quinta feira, 28 de marzo, este “anuncio” do Executivo galego aínda non se efectuou.

Na actualidade está a se desenvolver a Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza co respaldo de diferentes institucións e entidades, na que se contempla a creación da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

O paso das borrascas pola Galiza urxe a creación desta entidade (que estará presidida polo Parlamento e que contará coa participación da Xunta, do Concello e da Arquidiocese) para frear o deterioro deste espazo, símbolo nacional da Galiza.