A píllara das dunas, unha ave vulnerábel rodeada de ameazas

A píllara é unha das catro únicas especies ameazadas que conta cun plan de conservación na Galiza (Foto: Ramsés Pérez / Adega).
Denuncian novos ataques a esta especie vulnerábel, cuxa presenza no noroeste peninsular se limita á Galiza.

A píllara das dunas —Charadrius alexandrinus L., en latín— é un dos catro únicos taxons do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) que a Xunta protexe a través dun plan de conservación aprobado en 2014. O obxectivo é defender os seus hábitats para acadar unha poboación mínima de 250 parellas reprodutoras durante, cando menos, cinco anos consecutivos, a fin de que a especie poida deixar de ser considerada vulnerábel.

Porén, hoxe aínda non se alcanzou esa meta poboacional na Galiza, o único territorio do noroeste peninsular no que aínda está presente, grazas aos labores de protección e conservación de equipos como o Grupo Píllara, integrado por persoas expertas en biodiversidade e ecoloxismo e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que está a traballar na defensa de decenas de niños en praias como A Lanzada —Sanxenxo—, Baldaio —Carballo— ou Xuño —Porto do Son—.

Deste grupo de traballo forma parte Manuel Mariño, quen denuncia a Nós Diario os ataques a niños protexidos desta especie os pasados 19 e 26 de maio, cuxos ovos foron roubados e as gaiolas que os protexen derruídas: "Afortunadamente non é algo frecuente, porque quen pode ter algo en contra deste paxaro que non fai mal a ninguén? Precisamente se asentan nas dunas para fuxir dos humanos, mais sobre todo aniña na parte frontal das praias, co consecuente risco pola presenza humana", expón, e lembra que o plan de conservación impide pisar as dunas protexidas, unha cuestión que, malia estar sancionada con até 6.000 euros de multa, "se incumpre sistematicamente".

Restos dun niño de píllara atacado na praia de Xuño (Porto do Son), onde se cría esta especie da que quedan menos de 100 parellas.

Neste senso, lamenta a falta de medios para controlar a seguridade dos niños: "Nós non podemos estar detrás da xente que incumpre as normas, iso é responsabilidade de quen ten a autoridade para facelo, que son a Xunta, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e a Policía Local". Con todo, recoñece que os axentes medioambientais abordaron estes últimos ataques "con preocupación e interese".

Ramsés Pérez, da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), que tamén forma parte do Grupo Píllara, incide nesta cuestión: "Á vista do que está a suceder e do que xa ten sucedido, as medidas actuais non son suficientes. Levamos tempo pedindo que se incremente a vixilancia, sobre todo nas praias con maior asiduidade de xente", di, e cuestiona que nalgúns lugares "non está ben sinalizada" a presenza de niños desta ave ameazada.

"Quizais sería conveniente unha maior presenza de axentes ambientais, coordinando diferentes estamentos da Administración e multando a quen pise as dunas ou deixe o can solto", afirma.

Múltiples ameazas

Alén da acción humana, a píllara das dunas exponse a numerosos perigos a diario: "O principal problema é a degradación nas praias onde crían, por exemplo, construíndo paseos marítimos. Tamén afecta a limpeza mecánica das praias, porque desta forma recóllese toda a materia orgánica e desaparecen as algas, que son o sustento das pulgas, á súa vez alimento da píllara. A limpeza debe ser manual e só de plásticos", argumenta Mariño.

Outra ameaza son os cans soltos polas praias, algo que a Administración debería "prohibir de forma específica": "Ás poucas horas de nacer, os polos abandonan a gaiola e pasean polas dunas adiante até que aprenden a voar ao cabo dun mes. Nese tempo enfróntanse a moitos riscos".

Na Galiza hai apenas 84 parellas

En 2020 o Grupo Píllara, liderado pola bióloga da USC María Vidal, contabilizou 84 parellas de píllara das dunas na Galiza. Cada femia pon "perto de tres ovos", e o período de incubación dura "entre 24 e 27 días", segundo explica Ramsés Pérez. "Cando nacen, o macho cría os polos mentres a femia marcha cara a novos niños", engade Manuel Mariño. Estas aves poden vivir até 18 anos, e nos espazos de conservación e protección do país téñense rexistrado algúns exemplares que xa superan os dez.