Entrevista

Pilar Carro: "O 'Nunca Máis' e o 'Nón á Guerra' foron movementos transversais na sociedade galega"

Pilar Carro. (Foto: Nós Diario)
Pilar Carro era directora do Instituto A Sangriña (A Guarda) durante as mobilizacións do 'Nunca Máis' e do 'Non á Guerra' e viviu de primeira man como o a sociedade galega se levantou en autodefesa. Curro conversa con 'Nós Diario' acerca das mobilizacións e como a afectaron profesionalmente.

—Que é o que máis lembra das mobilizacións do ‘Nunca Máis’ após a catástrofe do ‘Prestige’?
Lembro do que se lembrará a maioría da xente que viviu aquelas épocas. Cando aconteceu o do ‘Prestige’ non fai falla dicir a mobilización social que se xerou na nosa nación. Tamén nesas épocas pasou o da guerra de Iraq e iso foi como botarlle gasolina ao lume porque tamén empezaron as mobilizacións do ‘Non á Guerra’.

Aquí na Guarda viviuse especialmente a mobilización porque a costa viuse moi afectada pola catástrofe. A mobilización deuse en practicamente en todos os sectores, non só no educativo que é o que eu máis vivín como directora do IES A Sangriña.

—Vostede foi represaliada e expedientada como directora do IES a Sangriña por mor das protestas. Que nos pode relatar sobre iso?
Estabamos no medio de todas as mobilizacións do ‘Prestige’ e en contra da guerra. Nós, xunto co noso alumnado, iamos ás manifestacións a Vigo e outros lugares, até organizamos algunhas cousas. Toda a sociedade estaba moi sensibilizada con esta situación e a comunidade educativa non era allea. Organizáranse multitude de accións de todo tipo non só manifestacións. Recordemos a cadea humana entre Laxe e Muxía na que participaron miles de alumnos e alumnas de todos os centros educativos da Galiza

O que aconteceu foi que veu Manuel Fraga inaugurar a estación de autobuses da Guarda e o alumnado decidiu facer unha concentración porque a estación está moi cerca do instituto. Había un despregamento de Policía incríbel, polo que desde a Dirección do centro avisamos e pedimos ao estudantado que só acudisen as persoas que fosen maiores de idade para evitar problemas.

Eu decidín saír até a estación para botar unha ollada e ver que estivese todo en orde. Levei unha sorpresa moi grande cando vin que na concentración había moitísima xente, non só da Guarda senón de todo o Baixo Miño cando eu pensaba que ía só ser alumnado do instituto.

Naquel momento todo quedou niso. Días despois presentouse a inspectora no centro para preguntar que pasara e eu conteille a verdade. Pouco despois abríronme un expediente alegando que eu permitira que o alumnado levase pancartas e que até lles ofrecera eu material para levar a cabo a protesta.

Durante os seguintes anos vivín todo un calvario. Quen teña recibido un expediente da Administración sabe ao que me refiro.

—Cre que as mobilizacións eran transversais na sociedade galega?
Si, sen dúbida.

—Considera que se poderían repetir na actualidade este tipo de mobilizacións?
Penso que si. É certo que as mobilizacións do ‘Prestige’ foron impresionantes e non duraron só uns días. Con todo, eu creo que se algo similar ao ‘Prestige’ acontecese hoxe en día a reacción do pobo sería moi parecida.