Veciños piden que se execute a sentenza que anula un parque eólico en Mondoñedo en funcionamento desde 2019

Está a funcionar "sen autorización administrativa" e "sen traer ningún beneficio a Mondoñedo nin á súa xente". (Foto: Nós Diario / Arquivo)

Denuncian a actitude "totalmente pasiva" da Administración autonómica a pesar dunha condena firme desde xaneiro deste ano.

Afectados polo parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo (comarca da Mariña), esixen que se cumpra a sentenza do Tribunal Supremo que anula os proxectos que serviron de base para a súa posta en funcionamento e rexeita os argumentos da empresa e da Xunta, ademais de considerar que esta debería de ter en conta a declaración de impacto ambiental.

Así o manifestaron esta quinta feira, nunha comparecencia ante os medios, o coordinador de afectados polos parques eólicos na Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), Manuel Germade, e o avogado Borxa Colmenero.

Colmenero esixiu que se cumpra a sentenza, ademais de denunciar a actitude "totalmente pasiva" da Administración autonómica a pesar dunha condena firme desde xaneiro deste ano.

Durante o acto, Germade leu un manifesto dos veciños afectados no que denuncian que, en canto a responsabilidades, a resposta tanto do Concello de Mondoñedo como da Xunta é "ningunha, silencio e inoperancia". Os afectados inciden, ademais, en que este parque eólico é "o negocio que máis diñeiro xera no municipio", que está a funcionar "sen autorización administrativa" e "sen traer ningún beneficio a Mondoñedo nin á súa xente".

O Tribunal Supremo ditaba en febreiro de 2022 dúas sentenzas que confirman a anulación dos proxectos que serviron de base para a posta en funcionamento dos parques eólicos Sasdónigas fase I e fase II, no concello de Mondoñedo.

Solar

Unha empresa de Madrid promove unha 'macroplanta solar' na Gudiña que ameaza aguias reais, segundo Adega. A planta solar fotovoltaica,  de 66 Megawatts (MW) e 110 hectáreas de superficie, sitúase a menos de tres quilómetros do niño dunha das únicas 6 parellas de aguia real (Aquila chrysaetos) que hai na Galiza, catalogada como "en perigo de extinción".