Piden á Consellaría que obrigue a separar os contidos de relixión no ensino a distancia

Aula de primaria (arquivo).
Europa Laica na Galiza presenta unha queixa ao considerar que se vulnerou a opción de non recibir formación relixiosa durante o confinamento.

A asociación Europa Laica na Galiza advertiu unha "vulneración" das leis de ensino "no tocante á liberdade de escolla da materia de relixión" durante o tempo da aprendizaxe a distancia provocado polo confinamento e a crise sanitaria do coronavirus.

Veñen de rexistrar unha queixa na Consellaría de Educación após realizar un estudo "en 230 centros de ensino primario" de Pontevedra e constatar que no "69% dos centros" se compartiu contido da materia de relixión en aberto para todo o alumnado, non só para o matriculado nela.

"A nosa alarma foi en aumento ao comprobarmos que en 48 centros as tarefas de relixión aparecían misturadas coas doutras disciplinas mostrando os seus contidos en aberto (como debuxos relixiosos) sen discriminación de ningún tipo e sen respectar a vontade das familias que escolleran e manifestaran a sua vontade de que as súas crianzas non accederan a estes contidos", salientan nun comunicado.

Desde o colectivo Europa Laica na Galiza afirman que non poden "considerar ensino os contidos relixiosos", polo que instan "a separar, de vez, os campos das crenzas individuais da aprendizaxe científica".

Ensino baseado no "método científico"

"As institucións do Estado non deberían privilexiar unhas crenzas sobre outras, ou a ausencia delas, por un principio básico de non discriminación e respecto á totalidade da cidadanía", aseveran no seu informe sobre o acceso do alumnado aos contidos relixiosos durante o confinamento.

Así, inciden en que "o ensino dun país moderno debería estar baseado no método científico e no estudo dos achados que permiten, e permitirán, un maior dominio das nosas posibilidades de desenvolvemento como seres humanos".

Reclaman que os contidos relixiosos se distribúan de maneira "privada" ao alumando que así o solicitou e que non se difunda ao conxunto do alumnado. Desta maneira, agardan unha "rectificación" da Consellaría de Educación "para que corrixan esa anomalía e non volvan incorrer nunha situación que vulnera os dereitos dos menores".