Os sindicatos demandan máis profesorado para afrontar con garantías o inicio de curso

A situación sanitaria condicionará a volta ás aulas no mes de setembro. (Arxina)
Sen pautas de como prevé a Consellaría de Educación organizar a volta ás aulas no mes de setembro, os sindicatos do ámbito docente advirten a necesidade de aumentar o profesorado para afrontar un inicio de curso excepcional atendendo todo o alumnado e cumprindo coas medidas sanitarias.

Coa incerteza de como e até que punto afectará a crise sanitaria ao inicio de curso escolar, os sindicatos que representan o colectivo docente na Galiza teñen a seguridade de que a situación, inédita, vai requirir medidas excepcionais e que estas pasan por un aumento do profesorado e, en xeral, do persoal nos centros. 

Nesa liña pronunciábase esta semana o presidente da Generalitat, Quim Torra, ao anunciar a contratación de "miles" de docentes para o curso 2020-2021 en Catalunya para atender o total do alumnado en circunstancias que obrigarán a baixar as ratios das aulas para respectar as distancias de seguridade, cubrir as baixas das profesionais que formen parte de grupos vulnerábeis ou, eventualmente, compatibilizar a docencia presencial coa docencia telemática.

No día de onte, a ministra de Educación, Isabel Celáa, descartaba, durante a súa comparecencia na comisión de Educación e FP do Senado, a apliación de recortes no sistema educativo malia a crise provocada pola pandemia. A contratación, ou calquera outra medida de reforzo de cara a setembro, corresponde, en calquera caso, á Xunta. 

"Exiximos que, con carácter ordinario, non se produza supresión de profesorado nin se fechen aulas o vindeiro curso e, de forma extraordinaria, que haxa unha partida orzamentaria moi importante para o persoal", demanda desde a CIG o seu secretario nacional en materia educativa, Suso Bermello, que teme unha rebaixa do número de docentes, "á vista das noticias que chegan desde outros territorios", como Estremadura.

Cada ano, a CIG-Ensino fai un informe sobre a redución de postos docentes na educación primaria, que –apunta Bermello– a Consellaría aplica pola vía de agrupar aulas con alumnado de distintas idades ou fechar unitarias. "O noso temor, prevendo que se poida producir un incremento puntual de contratación de profesorado, é que este se acompañe dun incremento na redución de postos de traballo, sería unha trampa", advirte.

Sen información ningunha sobre como a Consellaría de Educación prevé iniciar o vindeiro curso, a CIG vincula esta "inacción" ao calendario electoral, mais chama a non agardar a que sexa o Ministerio o que organice a volta ás aulas, ante a previsión de que as instrucións que dea sexan meramente de carácter xeral, máis alá do sanitario.

Así se extrae da xuntanza realizada a nivel estatal onte co sector da educación concertada, na que pareceu descartarse que o Goberno estatal vaia fixar ratios máximas por aula, e si medidas de distanciamento.  

"Se se poden organizar unhas eleccións, pode prepararse o inicio de curso", observa a secretaria de ensino de UXT, Paula Carreiro, que remarca que é a Xunta, e non o Ministerio, quen ten a competencia en educación e quen debe, por tanto, deseñar o retorno no ensino. 

O sindicato xa trasladou, nun escrito dirixido á conselleira Carmen Pomar que non tivo resposta, a necesidade de aumentar o profesorado e de reducir as ratios de alumnado por aula en 50% e de permitir desdobres, mesmo naqueles centros onde o número de estudantes sexa máis reducido,  especialmente na etapa  infantil –para garantir as distancias–e nos últimos cursos de todas as etapas, pola titulación. 

Tamén desde CCOO existe xa unha petición formal, esta dirixida ao Ministerio de Educación, de reforzo do cadro de persoal educativo en 33%, na que se inclúe tamén a necesidade de programas de apoio educativo e acompañamento. "Aínda que a competencia é dos territorios, dada a excepcionalidade, estaría ben que o ministerio liderase", reflexiona a responsábel de ensino na Galiza, Luz López, quen apunta que se o Goberno estatal non "abre a man" na taxa de reposición e orzamentariamente, "vai ser difícil para os Gobernos territoriais facer contratacións".

"Terán que buscar a maneira, o que non poden é someter o ensino á presión e ao sobresforzo que tivo desde marzo pola improvisación coa que se actuou", censura a representante sindical, e chama á Xunta a comezar "xa" a traballar na avaliación de riscos dos postos de traballos e, con elas, os protocolos de actuación nos centros de ensino. "A improvisación, en setembro, xa non terá escusa", opina. 

A Universidade da Coruña atrasa até o  21 de setembro o inicio do curso

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou onte, nunha xuntanza virtual, o calendario académico do próximo curso, que comezará o vindeiro 21 de setembro, o que supón un retraso con respecto ao actual, que se iniciou o 9 de setembro de 2019. Porén, o remate do ano académico manterá os seus prazos e finalizará o 31 de agosto de 2021, e tamén haberá modificacións nas datas do cuadrimestre.

Esta demora no inicio está motivada pola adaptación ao novo calendario da proba de Avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU), que terá nese mes a súa convocatoria extraordinaria como consecuencia dos cambios ocasionados pola adaptación á crise sanitaria, e pola preparación do próximo curso nun escenario aínda por despexar.