Os centros de ensino reabren ao ralentí

O alumnado de 2º de Bacharelato pode ir reincorporándose ou manter a formación telemática até final de curso. (Arxina)
Menos dun terzo do alumnado de segundo de Bacharelato, e un número testemuñal nos ciclos de FP, volveu onte ás aulas, que reabriron de forma voluntaria para as estudantes destas etapas educativas –e obrigatoria para o profesorado– após dous meses de docencia telemática instaurada pola crise da COVID-19.

oa parte dos 278 centros de ensino que imparten Bacharelato e dos 224 que ofrecen Formación Profesional (FP) na Galiza reabriron onte as súas aulas, aínda que só para acoller o alumnado de segundo curso da secundaria ou dos ciclos medio e superior que optou por recuperar a docencia presencial neste final de curso. 

A volta, voluntaria para o estudantado e obrigatoria para o persoal docente, foi escasa en Bacharelato e practicamente nula nos ciclos formativos, segundo os datos da propia Consellaría de Educación, que cifra en 3.733 as alumnas e alumnos de secundaria que se presentaron nos institutos –31% do total matriculado en centros públicos galegos–, e en menos dunha décima parte, 361 persoas, nos centros de FP, das 22.700 matriculadas neste curso. A propia Consellaría sinalaba onte que a presenza nesta última modalidade foi "puntual", se ben lembraba que unha parte do alumnado está nesta época realizando a súa formación en centros de traballo (FCT) ou preparando o seu proxecto, e apuntaba tamén que certos institutos agardaron a hoxe para retomar as clases.

Foi esta escasa afluencia, unida ao traballo previo do profesorado e dos equipos directivos dos centros, a que facilitou unha apertura sen grandes conflitos nin necesidade de desdobrar clases, segundo estima desde o sector de ensino de UXT a súa secretaria, Paula Carreiro, para quen o acontecido onte "vén reforzar a posición dos sindicatos de que non había moita necesidade de volver ás aulas neste curso". A decisión, adoptada pola Consellaría de Educación hai dez días, após unha reunión interterritorial coa presenza da ministra de Educación, Isabel Celáa, tomouse coa oposición das organizacións sindicais, contrarias ante a "falta de garantías sanitarias" e polas dificultades de ofrecer de forma simultánea docencia e teledocencia para o profesorado, que maioritariamente combina distintas etapas.

Con todo, foron varios os centros de ensino que protestaron onte pola falta de material de prevención, que debía ter subministrado a Consellería a finais da semana pasada, unha carencia que levou UXT a presentar unha queixa por escrito, con advertencia de volver denunciar perante a Inspección de Traballo se as máscaras e sinalización non están hoxe a disposición dos centros. 

Tamén desde a CIG alertan de que "estarán vixilantes ante calquera actuación irresponsábel nas próximas datas" e chaman a denunciar calquera incumprimento das garantías sanitarias para pór freo a unha reincorporación que, aos seus ollos, "non ten sentido nestes momentos". 

O alumnado, que se poderá seguir sumando ás aulas nos vindeiros días, ten por diante un máximo de catro semanas de clases, que no caso do Bacharelato poderán servir para preparar as probas ABAU (de acceso á universidade), adiadas este ano até os días 7,8 e 9 de xullo na convocatoria ordinaria, por mor das restricións derivadas da pandemia. Con todo, as avaliacións realizaranse un mes antes, entre o 6 e o 8 de xuño, e só poden ter en conta o examinado até o inicio do estado de alarma.