O Sergas pide extremar a precaución para non dilatar a chegada do pico da sexta onda

O Nadal condicionará a evolución da pandemia (Europa Press)
As festas de Nadal, o Black Friday e outros motivos de reunión en espazos fechados poderían influír no desenvolvemento desta sexta onda.

A presión asistencial e os casos activos pola Covid-19 non deixan de medrar na Galiza, pero o pico desta sexta onda podería estar á volta da esquina. Segundo o xerente do Sergas, José Flores, a previsión é que o pico se produza dentro de "dúas ou tres semanas", aínda que se amosou cauto, xa que, como apuntou, o coronavirus xa demostrou ter un comportamento moi variábel.

Nunha entrevista concedida a Radio Galega, Flores explicou que esta onda, aínda que presenta un "perfil similar" ás pasadas, compórtase diferente en canto a presión asistencial e, sobre todo, síntomas de gravidade nos pacientes, "no que ten moito que ver a vacinación", incidiu.

Ademais do propio comportamento do virus, o xerente sinalou que as festas de Nadal, o Black Friday e outros motivos de reunión en espazos pechados "poderían influír" no desenvolvemento desta sexta onda.

Nova variante e restricións

Igual de cauto mostrouse respecto da nova variante surafricana, sobre a que destacou a necesidade de "esperar" para "non alarmar á sociedade". "Non sabemos exactamente de que se trata nin se a vacina a cubre", comentou.

O responsábel do Sergas tamén abordou as novas condicións para a entrada en vigor do certificado covid, do que sempre foron "partidarios" para "deter a transmisión do virus". A súa extensión noutros parámetros ─agora mesmo solicítase en restaurantes todo o día e en cafetarías a partir das 21,00 horas─ "sempre está encima da mesa", aínda que recalcou que se debe estudar a evolución da situación.

"Evidentemente, todas as medidas anteriores que funcionaron, son medidas que en calquera momento poden estar outra vez en vigor para tratar de paliar a expansión do virus", indicou Flores.

Sobre a obrigatoriedade de presentar o certificado noutros ámbitos, como ocorre xa para as visitas a ingresados en centros hospitalarios, apuntou que tampouco se descarta. As posibilidades centraríanse en locais fechados, como eventos deportivos ou centros comerciais, pero puntualizou que "a día de hoxe, aínda non é necesario".

Prevención ante o Nadal

Outra das posibilidades sería a aplicación dun paquete de medidas preventivas para "adiantarse" ao esperábel incremento de contagios en Nadal. "É unha posibilidade que haxa medidas especiais. O nadal son datas de especial risco, con máis reunións sociais que teñen a xente maior implicada, con maior circulación do virus. Estudarase en función dos datos, pero hai que esperar", explicou.

Dentro destas posíbeis medidas, podería estudarse limitar as actividades de pé para que pasen a ser con asistentes sentados, "sempre en locais fechados". "De pé é complicado facer que a xente garde a distancia", sinalou Flores.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tamén se expresou este domingo na Estrada sobre a situación sanitaria. Recoñeceu que as cifras "non están a ser boas". "Como viñamos dicindo, a pandemia segue aí e agora estámolo vendo", lamentou o vicepresidente, que fixo un chamamento ademais a que se cumpran as novas medidas e a que se acuda aos centros de vacinación.

"Entramos en semanas complicadas. A situación vai depender de moitas cousas, pero sobre todo do noso comportamento", insistiu Rueda, que cualificou as cifras de "preocupantes". "Verase se hai que cambiar as medidas", sinalou.

En canto ao cumprimento do certificado covid, recalcou que "as normas son sinxelas de cumprir e imprescindibles, e que a xente está de acordo". "Non ten sentido ignoralas", insistiu, após o que aseverou que servirá ademais para "concienciar" aos aínda non vacinados. "Os que non se vacinen cada vez terán máis difícil facer actividades que os demais si poden", explicou.