PharmaMar conclúe que o seu fármaco contra a Covid-19 "é seguro e eficaz" nas adultas

Imaxe de cando foi presentado o resultado da segunda fase do estudo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A farmacéutica de orixe galega fai públicos os resultados finais do seu ensaio clínico co medicamento que estaba a crear, de nome comercial Aplidin. Está destinado a pacientes adultos con coronavirus que requiren un ingreso no hospital.

Aplidin, o fármaco creado pola empresa farmacéutica de orixe galega PharmaMar funciona no tratamento de pacientes adultas con Covid-19, nunha situación da infección grave tendo en conta que está pensado para inocular en caso de ingreso hospitalario.

A compañía comunicou esta terza feira que o medicamento "é seguro e eficaz", tal e como demostraron os resultados finais do ensaio clínico 'Aplicov-PC 1' con plitidepsina, ou o que é o mesmo, o Aplidin.

Nesta fase traballouse con tres tipos de doentes: aqueles con síntomas leves mais con necesidade de acudir a un centro sanitario, pacientes coa enfermidade nun estadio moderado e enfermos de carácter severo. Así, administráronse distintas doses da medicina durante tres días consecutivos.

"Dos pacientes que ingresaron co virus moderado, os que recibiron a dose de 2,5 mg presentaron a maior probabilidade de ser dados de alta durante a primeira semana do ingreso", especifican fontes da farmacéutica quer á comunidade científica, quer á poboación en xeral.

"E neste mesmo grupo de pacientes observouse que canto máis alta é a dose de plitidepsina, maior é o reconto de linfocitos no tempo, un indicador de mellora do sistema inmunitario", agregan.

Segundo inciden as mesmas fontes acadouse o "obxectivo primario da seguridade, mostrando eficacia clínica" no tratamento das persoas infectadas.

"Seguimos a precisar fármacos eficaces fronte á Covid-19. Plitidepsina é un fármaco moi prometedor cun desenvolvemento preclínico sólido. Completou o estudo fase I/II con bos datos de seguridade e uns primeiros datos clínicos de adecuada eficacia na pneumonía moderada. Nas próximas semanas, coa apertura do recrutamento do ensaio 'Neptuno' e un grupo de comparación directo, poderemos saber con maior precisión cal é o papel e a eficacia clínica precisa de plitidepsina no coronavirus", comentou o doutor adxunto de Medicina Interna do Hospital Universitario Quirónsalud Madrid, Pablo Guisado Vasco.

En consecuencia, a aplicación non vai ser inmediata. A empresa fixo pública a información sobre o potencial do remedio de cara ao inicio do ensaio da fase III bautizada como 'Neptuno 2'.