Pfizer, Moderna, AstraZeneca... que diferencia a vacina que che porán?

Administración da vacina contra a Covid-19. (Foto: Europa Press).

Esta sexta feira comezou na área sanitaria de Compostela-Barbanza a proba piloto para a vacinación das galegas e galegos maiores de 80 anos. A partir da segunda feira estenderase ao resto de áreas. De momento están aprobadas as vacinas de Pfizer-BionTech, Moderna e AstraZeneca. Analizamos as súas diferenzas.

Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago e coordenador do centro da Organización Mundial da Saúde (OMS) en seguridade de vacinas, explica as diferenzas entre as tres vacinas que ten a disposición o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A respecto destes tres antídotos de Pfizer-BionTech, Moderna e AstraZeneca, sinala: “Non podemos dicir que sexan diferentes en termos de eficacia. Eu vacinaríame de calquera das tres”.

“O número do que todo o mundo fala para cada vacina”, di, en alusión ás porcentaxes de eficacia, marcadas en 95% no caso da de Pfizer, de 94% no de Moderna e no 70% no de AstraZeneca, “non é comparábel directamente, xa que son estudos con deseños e en poboacións diferentes, con distintas variantes circulando e que ademais aínda non concluíron”.

Martinón-Torres salienta que para comparar directamente as tres vacinas “terían que administrarse” dentro “do mesmo estudo”.

Os estudos seguen activos e as porcentaxes poden variar

Explica que nun momento determinado a base de datos fica “conxelada”. É cando “se envía á axencia regulatoria, cos casos acumulados até esa data, mais os estudos seguen activos e esas porcentaxes poden variar, a mellor ou a peor, dependendo de moitos factores”.

Pon como exemplo, a través do seu Twitter, a última análise da vacina de AstraZeneca, posterior a cando se enviaron os datos á axencia e acumulando un mes máis de datos. “A estimación de eficacia”, explica, subiu de 59 a 70%, ademais, aínda que asumísemos que se poden comparar directamente, a realidade é que esa porcentaxe, cando se ten en conta o valor do intervalo de confianza e non só o valor illado, non é diferente entre elas”, di.

Amosan resultados moi prometedores

“O que si está claro é que após terse administrado 200 millóns de doses en todo o mundo, estas vacinas son seguras e que os primeiros datos de eficacia no mundo real, é dicir, cando se aplican a grande escala, amosan resultados moi prometedores”, afirma o coordinador do grupo Genvip do Instituto de Investigación de Santiago de Compostela.