Un petroleiro sen carga atópase próximo á costa galega debido a unha avaría

Un petroleiro fronte á coruñesa Torre de Hércules, nunha imaxe de arquivo (Foto: Víctor).
A Consellaría do Mar foi alertada da situación do buque a bordo do cal atópanse 26 persoas como tripulación.

Un petroleiro de grandes dimensións, que actualmente navega sen carga, atópase a unhas 28 millas da costa da Galiza debido a unha avaría nunha hélice, segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo.

Segundo adiantou Faro de Vigo este sábado, trátase do barco Minerva Nounou, de 254 metros de eslora e 44 de manga, con saída de Xibraltar o pasado 7 de marzo e con destino aos Países Baixos.

As mesmas fontes consultadas confirmaron que a bordo do barco atópanse 26 persoas como tripulación. O pasado 9 de marzo, deuse aviso a Salvamento Marítimo aviso dunha avaría, concretamente, na hélice.

A propia tripulación tratou de levar a cabo reparacións e probas, sen que polo momento concluísen con éxito. Ademais, aínda que polo momento non se teme pola integridade do barco e non ten carga a bordo, Salvamento Marítimo tamén informou da situación á Consellería do Mar, tal e como confirmaron fontes do gabinete deste departamento da Xunta.

Por motivos que non transcenderon, segundo a información do diario vigués, interrompeu a súa travesía e transitou fronte á costa, chegando a estar a unhas 30 millas da cidade olívica.

De acordo aos rexistros dispoñíbeis, acrecenta este xornal, a embarcación ten un peso de case 115.000 toneladas e pertence á armadora grega Minerva Marine. Foi construído no ano 2006 polo xigante coreano de construción naval Daewoo Shipbuilding.

O estado do mar non complica a súa situación

O sinal emitido polo barco non establece o seu destino e fontes da Consellaría indican que o estado do mar non complica polo momento a súa situación. A intención do mando do barco era a de dirixirse a porto no norte de Portugal, mais reverteu esta decisión.