Vaga de peticións desde Portugal para que as Tanxugueiras participen no Festival da Canção

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro o trío que conforman as Tanxugueiras (Foto: Rocío Cibes).
Eurofans do país veciño mostran o seu cariño e apoio a Aida, Sabela e Olaia, e esperan poder velas nas semifinais do Festival da Canção, os vindeiros 5 e 7 de marzo, ou na final, o día 12.

O éxito das Tanxugueiras, que traspasou primeiro as fronteiras da Galiza para explotar no Benidorm Fest, alcanza agora novas cotas no país veciño, Portugal. Son xa numerosas as peticións entre os eurofans lusos para que Aida, Sabela e Olaia participen no Festival da Canção, o certame co que Portugal elixe representante para Eurovisión.

Despois de que RTVE desvelase que as Tanxugueiras recibiron 70,75% do voto popular, as redes sociais enchéronse de comentarios animando ao comité organzador do Festival da Cançao para que fagan posíbel unha actuación das tres artistas. Chanel, a gañadora do Benidorm Fest, xa confirmou que cantará como invitada no certame, e os seareiros das Tanxugueiras en Portugal queren que non sexa a única.

Tamén hai moitos comentarios que piden directamente que as Tanxugueiras representen Portugal este ano en Eurovisión. Algúns eurofans manifestan que elas deberían participar "contra España" despois da polémica xurdida pola presunta relación dun membro do xurado coa gañadora e mesmo dun dos organizadores do Benidorm Fest, que forneceu  a canción a Chanel

Non en tanto, esta segunda posibilidade non será posíbel, cando menos este ano.O comité organizador do Festival da Canção xa fixo públicos os vinte participantes desta edición, e as semifinais xa están programadas para os vindeiros 5 e 7 de marzo.

Apoio de Salvador Sobral

O apoio de moitos portugueses á candidatura das Tanxugueiras xa quedou patente na súa semifinal, cando Salvador Sobral pediu publicamente o voto para as galegas.

Sobral, que foi o gañador da edición de Eurovisión de 2017 co seu tema 'Amar pelos dois', participaba como artista invitado, do mesmo xeito que piden moitos eurofans lusos coas Tanxugueiras e o Festival da Cançao, durante a semifinal na que as Tanxugueiras quedaron de segundas.

Ao rematar a súa actuación, o artista portugués dirixiuse ao público do recinto e aos televidentes, proclamando "Vou coas galegas! Viva as galegas!". Unha opinión compartida pola meirande parte do público do Benidorm Fest, pero non poño xurado profesional, que preferiu a proposta de Chanel.

Sexa como for, é evidente que a pegada das Tanxugueiras tras o seu paso polo certame musical vai moito máis alá do Estado español. Agora, os seareiros galegos e portugueses esperan que a organización do Festival da Canção as invite para que participen del.