Pesar no sindicalismo galego polo falecemento de Emilio Viéitez 'Sandokán', histórico obreiro de Vigo

'Sandokán', nunha protesta obreira nas rúas de Vigo en 1984. (Foto: Víctor de las Heras)
O sindicalista falecido é unha das principais figuras da loita obreira no naval galego de finais dos anos 70 e 80.

Na noite desta cuarta feira faleceu en Vigo Emilio Viéitez, máis coñecido como 'Miluco' ou 'Sandokán'. Viéitez converteuse nos anos 70 e 80 nun dos referentes da loita obreira e sindicalista na cidade olívica.

'Sandokán', o alcume polo que era máis coñecido, foi carpinteiro no estaleiro Ascón, e participou activamente nas negociacións e protestas do cadro de persoal para conseguir unhas condicións laborais dignas e conseguir a anulación dos despedimentos.

O seu labor sindicalista fíxolle ser protagonista dunha das fotografías máis recoñecidas da historia do sindicalismo galego. No ano 1984, o fotógrafo nado en Vigo Víctor de las Heras retratou o sindicalista falecido ante un axente da policía española, nunha actitude desafiante.

Porén, a súa actividade a favor da clase obreira galega supúxolle moitos problemas, xa que varios compañeiros sindicalistas que compartiron vivencias con el explicaron que estivo moito tempo sen conseguir traballo polas presións exercidas pola patronal do sector na época.

Reaccións ao pasamento

Despois de coñecerse o falecemento de Emilio Viéitez, foron varias as reaccións de condolencia e homenaxe ao histórico sindicalista.

O portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, definiu 'Sandokán' como "icona da cidade" e "parte do mellor da historia da cidade de Vigo".

Pola súa parte, o responsábel local do BNG no Concello de Soutomaior, José Costas, publicou nas súas redes sociais o seguinte: "Déixanos Miluco, un dos grandes e imprescindíbeis da loita obreira do naval galego...que a terra che sexa leve Sandokán!".

O propio fotógrafo Víctor de las Heras tamén quixo ter unhas palabras de agarimo cara ao sindicalista. "Grazas por agasallarme esta foto. Grazas, moitísimas grazas", publicou na súa conta de Facebook.