Perto de 1.500 persoas percorreron as rúas de Ponte Caldelas en defensa dos servizos sanitarios

Centos de persoas manifestáronse este domingo en Ponte Caldelas por uns servizos sanitarios xustos (Foto: Nós Diario).
As persoas manifestantes denunciaron que o centro de saúde de Ponte Caldelas pasou, en menos de un ano, de ter tres profesionais médicos atribuídos, a ter tan só un.

A veciñanza de Ponte Caldelas e dos concellos da comarca saíron este domingo ás rúas do municipio para amosar o seu rexeitamento aos "continuos recortes que mercan a calidade da atención no centro de saúde de Ponte Caldelas, onde se pasou de ter tres médicos a só un nestes momentos e a non dispor dunha atención continuada de Pediatría", explicaron as persoas manifestantes. 

Perto de 1.500 persoas percorreron as rúas que separan a casa do Concello da Alameda berrando consignas como "Rueda escoita, Ponte Caldelas está en loita" e "Queremos máis médicos". Desta forma, quixeron "evidenciar a insostíbel situación que está a vivir o centro de saúde de Ponte Caldelas".

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, do PSdeG, recalcou que “nunca a atención sanitaria estivo tan debilitada e nunca estivemos tan mal como neste momento”, referíndose á precariedade que se atopan os pacientes cando acoden ao seu centro de saúde de referencia na localidade.

Díaz tamén relatou que "a situación non é mellor nos dous centros de urxencias que temos de referencia, o PAC da Parda e o hospital Montecelo". O mandatario agradeceu a participación de todos os asistentes e afirmou agardar que esta manifestación “sirva para que a Xunta da Galiza tome medidas” e "lle devolva á cidadanía a atención sanitaria de calidade e en igualdade". 

A centro de saúde de Ponte Caldelas pasou, en menos de un ano, de ter tres profesionais médicos atribuídos, a ter tan só un. Así o corrobora un anuncio pegado na porta do centro sanitario esta mesma semana, que sinala: "Nestes momentos só hai un médico neste centro de saúde, salvo urxencias pida vostede unha cita programada, grazas pola súa colaboración".

A manifestación, organizada desde o propio Concello de Ponte Caldelas, tamén foi acompañada por integrantes grupo municipal do BNG. Desde este grupo veñen denunciando a situación da Atención sanitaria en Ponte Caldelas desde o mes de novembro, cando xa organizaran unha concentración de protesta.

Así mesmo, nese mesmo mes de novembro, o BNG presentou unha moción no pleno municipal requirindo á Xunta da Galiza unha atención sanitaria de calidade en Ponte Caldelas. Pouco despois, en decembro, o PSdeG, desde a alcaldía, enviou unha queixa formal á consellaría de Sanidade por este motivo.

O edil do BNG na Corporación de Ponte Caldelas, Xavier Lourenzo, en declaracións a Nós Diario, explicou que "de tres médicos que tiña concedidos o concello agora mesmo só hai un, e de feito, ha certos días que nin está".

Lourenzo laiouse tamén da situación da Pediatría, con moi poucas horas de servizo, ao ser compartido entre varias localidades "o que non lle da seguridade ás familias para poder ter unha garantía nos concellos rurais".