Seis persoas continúan ingresadas após o incendio rexistrado en Vigo, dúas en estado crítico

Veciñas e veciños do edificio incendiado na madrugada desta pasada cuarta feira, logo de seren desaloxados. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
A investigación segue o seu curso e as autoridades consideran "prematura" a hipótese da intencionalidade á que apuntaba a veciñanza.

Seis das persoas feridas durante o incendio rexistrado esta pasada cuarta feira nun céntrico edificio en Vigo, no que faleceron catro persoas —unha muller e mais tres das súas crianzas menores de idade—, continúan hospitalizadas en diferentes centros sanitarios galegos. Dúas delas están en estado crítico pola gravidade das feridas.

Cinco das persoas hospitalizadas, segundo vén de trasladar a Consellaría de Sanidade, están na unidade de coidados intensivos (UCI) do hospital privado-concertado Ribera Povisa de Vigo. Dúas teñen unha evolución "moi favorábel", mentres que un paciente ten prognóstico "reservado" e outros dous están en estado "crítico". Isto, con todo, supón unha leve melloría, pois tal e como figuraba no parte das 20 horas desta cuarta feira o seu estado era "moi crítico".

Pola súa parte, a nena de oito anos tamén atendida polo persoal sanitario, irmá dos tres menores falecidos, evoluciona de forma "estábel dentro da gravidade" desde a UCI do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña, onde foi trasladada onte desde o Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O incendio desatouse de madrugada e os bombeiros apuntan a que se iniciou no vestíbulo do inmóbel. Malia que os veciños e veciñas afirmaron que o lume foi intencionado e apuntaron directamente a un home que vivira no edificio e foi expulsado "por conflitivo", fontes policiais e gobernamentais matizaron que é "prematuro" confirmar esa hipótese.

A investigación, namentres, segue o seu curso. A Policía Nacional informou de que non se levou a cabo aínda "ningunha detención" nin se prevé, polo de agora, ningún arresto, se ben non descartou nin confirmou que houbese intencionalidade nos feitos.

Alén das catro persoas falecidas, os servizos sanitarios atenderon in situ sete persoas, unha das cales solicitou a alta voluntaria. E foron trasladados inicialmente a centros hospitalarios outros nove feridos, incluíndo o pai das crianzas falecidas e a filla menor da súa parella, tamén finada no incendio. Con todo, tres xa foron dados de alta na cuarta feira.