A identificación dos cadáveres confirma que os catro falecidos no incendio de Vigo eran unha nai e os seus fillos menores

Axentes da Policía Local após seren alertados do incendio. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Son unha muller nova, de nome Rosana, e tres das súas crianzas de entre 10 e 14 anos de idade: Aldara, Sara e Ezequiel.

A identificación xudicial dos cadáveres achados no incendio dun edificio en Vigo, ocorrido esta pasada cuarta feira na rúa Alfonso X o Sabio, confirmou que os catro falecidos eran unha nai e os seus tres fillos, segundo informaron fontes da Policía Nacional. Segundo informan fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press, queda confirmado que as vítimas mortais son unha muller nova, de nome Rosana, e tres das súas crianzas de entre 10 e 14 anos de idade: Aldara, Sara e Ezequiel.

Pola súa parte, o pai dos menores atópase en estado grave ingresado na UCI do hospital Povisa. Unha cuarta filla da familia, unha nena de oito anos, foi evacuada inicialmente a Povisa e logo trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro, aínda que finalmente, debido ao seu estado, decidiuse o seu traslado e ingreso no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña, onde permanece nestes momentos atendida polos sanitarios.

No incendio, que se desatou de madrugada no portal do inmóbel —información confirmada polos bombeiros—, houbo outras nove persoas feridas de diversa consideración das que, cando menos, tres xa foron dadas de alta. Unha das persoas hospitalizadas era outro menor de idade.

Aínda que os veciños e veciñas sinalaron que o lume foi intencionado e apuntaron directamente a un home que viviu no edificio e foi expulsado "por conflitivo", o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Blanco, e as fontes policiais consultadas matizaron que é prematuro confirmar esa hipótese, mentres os investigadores seguen traballando.

En concreto, a Policía Nacional informou de que non se levou a cabo "ningunha detención" nin se prevé, polo de agora, ningún arresto, aínda que non descartou nin confirmou que haxa intencionalidade nos feitos.

Alén das catro persoas falecidas, os servizos sanitarios atenderon 'in situ' a sete persoas, unha das cales solicitou a alta voluntaria. Así mesmo, foron trasladadas inicialmente a centros hospitalarios nove feridos, incluíndo o pai dos nenos falecidos e a filla menor da parella.