Persoas cunha adicción e en terapia xestionan con orgullo a corentena

A Unidade Municipal de Atención de Drogodependencias de Compostela atende usuarias por teléfono durante a corentena. (Arxina)
"A súa atención agora mesmo está centrada na cuestión do coronavirus, e iso contribúe a xerar a sensación de que a propia adicción xa non é a preocupación principal", explica o director da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias de Compostela.

A declaración do estado de alerta mudou radicalmente o día a día da poboación. E o confinamento, especialmente para as veciñas de urbes e vilas, pode repercutir mental e emocionalmente nas persoas. Mais que supón para quen convive cunha adicción e para as súas familias?

Fernando González, director da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) de Compostela, e Mercedes Pedreira, psicóloga clínica da Unidade Asistencial de Drogodependencia (UAD) xestionada por Cruz Vermella en Lugo, coinciden en que a maior parte das usuarias que atenden están a abordar positivamente este transo.

As usuarias en terapia teñen xerado moitos recursos psicolóxicos que as axudan, di Mercedes Pedreira

"Por suposto non se debe xeneralizar", puntualiza Pedreira a Nós Diario, engadindo que existen "moitos tipos de persoas adictas, pois non é o mesmo quen está enganchado ao tabaco que quen abusa do alcol ou da heroína". "As usuarias que seguen unha terapia teñen xerado moitos recursos psicolóxicos que as axudan a manexar a situación e estano facendo francamente ben, séntense moi orgullosas", comparte.

"A súa atención agora mesmo está centrada na cuestión do coronavirus, e iso contribúe a xerar a sensación de que a propia adicción xa non é a preocupación principal, senón algo secundario", engade González en declaracións a este medio. 

Terapia a distancia

Tanto no centro de Compostela coma no de Lugo o traballo nos primeiros días da corentena enfocouse en informar as usuarias da continuidade das actividades ou da terapia por teléfono ou a través de videochamadas. "No caso daquelas que precisan dunha medicación, como por exemplo o tratamento con metadona para persoas con adicción á heroína, decidimos entregar doses para un período máis longo de tempo", explica González.

Existe a preocupación das substancias destinadas a tratar unha adicción? "É difícil que sexa así, pois quen recibe a medicación sabe que de non empregala adecuadamente non obterá máis", aclara o director da UMAD, incidindo en que as persoas que reciben metadona "levan tempo a tratamento".

As usuarias asegúranme que non teñen tempo para aburrirse, afirma Mercedes Pedreira

Na UAD de Lugo o servizo de día, que ofrece obradoiros, charlas e diversas actividades ás usuarias, continúa a funcionar a través das pantallas. "As persoas coas que manteño o contacto telefónico asegúranme que non teñen tempo para aburrirse", afirma Pedreira.

O persoal de ambos centros mantén o contacto con familiares de persoas cunha adicción. "As recomendacións que lles ofrecemos teñen que ver sobre todo co apoio durante unha posíbel inestabilidade na abstinencia, mais tamén na necesidade de marcar rutinas, actividade física e mental, e que esa persoa teña responsabilidades no fogar, que se adapte a el e que minimice o tempo dedicado a dar voltas ao tema do consumo", resume Fernando González.

"En xeral repásanse pautas, porque aínda que a situación sexa algo distinta hai problemáticas que xa se viñan abordando a partir das terapias", engade Mercedes Pedreira. 

O consumo no fogar

A terapia para unha persoa con adicción a unha substancia pasa por recoñecer o abuso da mesma. Confinadas no fogar, hai quen poderá caer na conta de que o alcol ou outras drogas normalizadas entre terrazas e noites de festa viraron necesidade. "Prevemos un aumento do traballo unha vez que a corentena remate", confirma Pedreira.

Esta ocasión pode dar pé a que esas persoas se decaten de que a súa vida xira arredor dunha substancia, advirte a psicóloga

"É difícil que quen abusa dunha substancia pida axuda, mais esta ocasión pode dar pé a que esas persoas se decaten de que a súa vida xira arredor dunha substancia, de que pasan boa parte do día bebendo ou fumando", engade. Na súa unidade xa se están preparando axustes para continuar co traballo de terapia, pensado inicialmente para un confinamento máis breve e mais o seu paulatino levantamento.