Como afrontar a morte durante o confinamento: acompañamento, despedida e dó

Existen alternativas para superar o dó durante o confinamento, advirte a comunidade experta.
A situación de dó é moi dura para as familias das persoas que morren durante a epidemia de coronavirus. Profesionais da psicoloxía concordan en que a dimensión emocional do ser humano é fundamental para o seu benestar e defenden que hai alternativas para se despedir dos seres queridos en momentos tan difíciles.

O confinamento impide non só acompañar as persoas enfermas por coronavirus ingresadas nun hospital, tamén ristrinxe a asistencia a velorios, funerais e actos públicos de despedida dos seres queridos falecidos estes días, a causa da COVID-19 ou por outros motivos.

Debido ao decorrer dos rituais de pasamento, nas últimas horas o Ministerio de Sanidade tomou a decisión de prohibir todos os velorios, tanto os que puidesen ter lugar en centros públicos coma privados, así como limitar outras cerimonias fúnebres mentres dure o estado de alarma.

Rituais de convelecencia

Nestas circunstancias o proceso de dó é moi duro para as familias das persoas que morren durante esta crise sanitaria. Moitas non están onde queren nin con quixeran estar, máis existen alternativas e guías de carácter social e emocional que poden axudar a sobrelevar mellor unha situación, xa de complicada de por sí.

“Os procesos de dó e acompañamento dificúltanse nestas circunstancias porque non se pode facer unha ritualización da convalecencia”, explica Víctor Manuel Torrado Oubiña, membro da xunta de goberno do Colexio de Psicoloxía da Galiza. “Cando temos ser querido enfermo, visítalo, levámoslle flores, tratamos de atender as súas necesidades, achegámonos para darlle ánimo, conversa”.

"Os rituais de despedida tradicionais asociados á morte desaparecen neste contexto".

Mais as exixencias sanitarias que impón o coronavirus son moi restritivas e nada disto podemos facer cunha paciente de COVID-19. “Neste caso hai que reinventarse e tratar de manter o contacto con esa persoa na medida do posíbel”. A través do teléfono ou de calquera outro protocolo ou dispositivo electrónico que estabeleza o centro hospitalario.

“Se a situación emperora e esa doente ten que ir á UCI, a situación vólvese máis delicada. Os rituais de despedida tradicionais asociados á morte desaparecen neste contexto, mais sería bo celebrar algunha cerimonia na medida do posíbel, respectando as recomendacións de asistencia e de seguridade”, sinala Torrado Oubiña.

Proceso de dó

Así, tan importante como o propio ritual é o proceso de comunicación da morte. É importante informar á familia, ás amizades, ás persoas queridas, para indicarlles que neste momento non van poder asistir ao enterro nin despedirse como quixeran”, mais nada disto ten por que impedir un proceso de dó.

"Prefiro resaltar as capacidades do ser humano para adaptarse ás adversidades e elaborar un dó axeitado ás súas necesidades emocionais”.

Pode ser difícil inicialo, máis cadaquén deberá buscar as súas alternativas, recorrendo ao simbolismo, na intimidade ou na compaña telemática doutras persoas, sen perder o contacto con familiares e seres queridos, falando, se o necesita ou pedindo axuda profesional.

“Eu son partidario de desmitificar o proceso de dó. A situación desencadeada polo coronavirus entra dificultades máis non supón un impedimento para superar esta fase inevitábel. E disto sabe moito a xente do mar da Galiza”, recalca o psicólogo clínico. “Eu prefiro resaltar as capacidades do ser humano para adaptarse ás adversidades e elaborar un dó axeitado ás súas necesidades emocionais e ás súas circunstancias”.

"Durantes estes días moitas persoas non están onde queren nin con quen quixeran estar".

E sinala, ademais, a necesidade de “desprazar cara adiante” un ritual de despedida que contente o seu desexo. “A despedida pódese adiar e compartir con quen queiramos cando todo se normalice”, apunta. “Non debemos considerar que nunca vai poder ser como nos gustaría”.

Crianzas

Ademais, profesionais da psicoloxía advirten a necesidade de respectar os tempos e as emocións de cada persoa, as diferentes formas de sentir e de expresar. Animan a controlar o día, mantendo certas rutinas, e acompañar as crianzas en todo este proceso, sen mentiras, sen eufemismos, de forma sosegada e inmediata, nunha linguaxe sinxela que as anime a expresar os seus sentimentos ou emocións. Resolvendo calquera dúbida que teñan, promovendo os bos recordos e reforzando, se é preciso, noticias ou mensaxes positivas relacionadas co coronavirus.