Persoal técnico e investigador reivindica na rúa o fin da precariedade na ciencia

Persoal científico concentrouse diante da biblioteca Concepción Arenal, no campus sur da USC, en Compostela (Foto: Arxina).
Persoal investigador, técnico e de xestión manifestouse en Compostela esta segunda feira para exixir o fin da precariedade no ámbito da investigación científica. A demanda non é nova nin exclusiva do colectivo galego. Máis dunha vintena de organizacións saíron á rúa de forma simultánea en nove cidades do Estado para que a reforma da Lei da ciencia recolla todas as súas demandas.

A reforma legal impulsada polo Goberno do Estado contra a precariedade laboral na ciencia "non é suficiente". As melloras introducidas até o momento son "necesarias", mais non recollen moitas das reivindicacións que os colectivos afectados piden incorporar ao texto definitivo.

Se o que busca a reforma é perfeccionar as condicións de traballo do persoal científico, reducir a inestabilidade e eliminar a burocracia, cómpre unha transformación máis fonda da Lei da ciencia, sen actualizar desde 2011.

O persoal investigador recoñece unha oportunidade única para situar o traballo científico no lugar que merece, lonxe da concatenación de contratos temporais, da fuga de talento e do abandono como únicas alternativas.

Por iso, e malia recoñecer unha primeira conquista no paso atrás do Ministerio de Ciencia e Innovación para admitir o dereito a indemnización de todos os contratos predoutorias e postdoutorais  no momento da súa finalización, decidiron manter unha mobilización coa que buscan fortalecer a reforma e a carreira investigadora.

O texto modificado reservaba o dereito a unha compensación só aos contratos novos asinados tras a aprobación da reforma. A pasada sexta feira a ministra Diana Morant recuou e anunciou que a lei recollería ese dereito ampliado a contratos novos e vello, unha antiga demanda das organizacións que esta segunda feira se mobilizaron para aplaudir ese xesto, mais tamén para actualizar a súa lista de peticións.

Mobilización

En Compostela, o persoal científico afectado pola reforma da lei acudiu á concentración convocada por InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, mais pola Asemblea de Investigadoras de Compostela. "Malia a emenda da ministra, que queremos ver por escrito, decidimos seguir adiante coas mobilizacións porque o persoal de investigación precisa dunha regulación máis extensa de todos os seus dereitos laborais", explica a Nós Diario Zulema Varela, voceira de InvestiGal.

A día de hoxe, salienta, o colectivo investigador non ten un estatuto que regule ben os seus dereitos como traballadores. Urxen un réxime propio así como unha mellora das retribucións mínimas que recibe o persoa investigador. Ademais, reclaman que se desenvolva a carreira profesional do persoal técnico e de xestión que acompaña os investigadores. "Sofren a mesma precariedade e son aínda máis invisíbeis", recalca Varela. 

O sector da investigación científica reclama un "marco claro de incorporación e carreira profesional" do persoal científico no ámbito sanitario así como unha Oficina de Integridade Científica con poder punitivo que vele polos dereitos colectivos mais pola protección das máis vulnerábeis: mulleres, migrantes, persoas con discapacidade e Lgtbi+.

"Nos centros de investigación e nas universidades sobrevivimos a base de contratos temporais, sen estabilidade, con 1.000 euros ao mes, sempre coa emigración e o abandono no horizonte". Por iso, defende Zulema Varela, esta reforma supón unha grande oportunidade fronte á precariedade para máis de 2.000 investigadoras na Galiza.

A ciencia na Galiza

No último lustro a Galiza aumentou en 15% o seu persoal investigador, segundo cifras  da Xunta actualizadas no mes de xaneiro. Así, son 6.920 os investigadores e investigadoras que traballan I+D+i, 41% mulleres, de acordo con datos de 2020.

O investimento no sector, foi de 1,09% do Produto Interior Bruto (PIB) galego en 2020, por baixo da media estatal (1,41%) e lonxe da media da Unión Europea, de 2,2%, segundo os datos provisionais divulgados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o pasado mes de decembro. 

O organismo estatal (INE) cifrou en 15.768 millóns o gasto en I+D interna en 2020, 1,3% máis que o ano anterior. Na Galiza, o investimento total de todos sectores produtivos alcanzou os 641,68 millóns de euros, un 2,3% máis que no  exercicio de 2019. Así, o gasto en I+D interna por habitante correspondente ao ano 2020 situouse en 232,6 euros fronte aos 328,6 da media estatal.