Persoal sanitario recolle máis de 700 sinaturas contra o acordo "unilateral" entre CESM e Sergas

Persoal médico do hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo), o pasado 11 de abril. (Foto: Nós Diario)
O colectivo entregará as sinaturas recollidas esta segunda feira ás 13.30 horas nas instalacións da Xunta en San Lázaro, en Santiago de Compostela.

Un grupo de médicos recolleu máis de 700 firmas entre os facultativos de toda a Galiza en apoio a un manifesto que non só mostra o seu rexeitamento ante o acordo "unilateral" alcanzado entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o sindicato Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para pór fin á folga, senón que tamén reclama mellores condicións laborais máis alá das económicas.

Segundo explicou un dos responsábeis, á última hora deste domingo aínda non se fechou o reconto xa que "continúan recibindo sinaturas". Polo momento, sen contar A Coruña e Ourense, contan con máis de 700 rúbricas.

Confirman ademais que entregarán as sinaturas recollidas esta segunda feira ás 13.30 horas nas instalacións da Xunta en San Lázaro, en Santiago de Compostela.

Este texto xestouse a través dun grupo de facultativos e MIR en Lugo por mor da desconvocatoria da folga, tras varias horas de negociación.

Con todo, o eco que tivo o manifesto nos días seguintes fixo que quixesen xeneralizar estas reivindicacións para toda a Galiza e, desde a pasada sexta feira, promoven unha recollida de firmas desde os diferentes centros sanitarios coa intención de presentalo por rexistro ante a Consellaría de Sanidade nos próximos días.

Ademais, este colectivo non descarta constituírse formalmente, segundo trasladan fontes do mesmo.

O texto

O texto contén un preámbulo no cal denuncia que nos últimos días viviron "a culminación do fastío ante anos de malos tratos" por parte da Administración co acordo que puxo fin á folga que promovía CESM en solitario na Galiza.

Neste sentido, o manifesto afea este pacto "unilateral" co Sergas, que "non representa nin sequera de forma parcial as demandas" dos facultativos, senón que contén aspectos "puramente económicos" que "non redundan na protección da saúde e mellora das condicións laborais dos traballadores e, polo tanto, non favorecen a mellora na calidade asistencial".

As medidas acordadas con CESM, que "non representan as verdadeiras inquedanzas" deste colectivo profesional, inclúe principalmente o aumento do prezo das horas de garda e do complemento de quendas -a implantar desde xullo de 2023-, así como a posibilidade de que os médicos que compatibilizan o seu labor na pública e na privada poidan cobrar o complemento específico.

Iso si, o acordo tamén recolle asuntos como que os días 24 e 31 de decembro pasen a ser días de especial consideración de modo xeneralizado.

Ademais, o manifesto que promove a recollida de sinaturas exixe que se cumpra a normativa europea en materia de contratación e que "se actualicen os persoais" dos hospitais e a Atención Primaria coa contratación de "profesionais adicionais" para "adecuarse á crecente demanda". Así mesmo, reclaman que "se marquen límites" nas listas de espera.

No caso concreto da Atención Primaria, piden axendas con límites de pacientes diarios -30 para adultos e 25 para Pediatría-, 15 minutos mínimo por consulta, respecto para as libranzas tras as gardas e a cobertura de "todas as prazas vacantes" actualmente mediante oposición, entre outras.

Tamén reclaman a xornada de 35 horas semanais -algo que estará vixente a partir de 2025, segundo acordou o Sergas co resto de sindicatos- e a devolución dos tres días de libre disposición autonómicos.

Xunto con todo iso, piden "incentivación activa con medidas concretas" para os postos de difícil cobertura en hospitais comarcais e centros de saúde rurais, que as horas de garda "se coticen", e que a investigación e a formación de especialistas se compute como xornada laboral.