Persoal sanitario das urxencias de Ferrol advirten da situación "insostíbel" do servizo: "Non podemos permanecer en silencio"

Vestidas de negro, profesionais sanitarias das urxencias do Hospital Arquitecto Marcide, concentráronse na porta de acceso ao servizo. (Foto: Nós Diario).
Por segunda semana consecutiva especialistas médicos, de enfermaría e persoal técnico concentráronse diante da entrada do servizo de urxencias do Hospital Arquitecto Marcide para reclamar melloras e máis persoal.

A situación do servizo de urxencias é "insostíbel", defenden as profesionais. Tras remitir un escrito á xerencia da área sanitaria de Ferrol e non obter unha resposta "satisfactoria" ás súas demandas,acordaron pasar á acción e mobilizarse cada quinta feira para denunciar a dificultade que teñen para garantir unha atención sanitaria "urxente, digna e adecuada".

É habitual que os pacientes e acompañantes se amoreen nos corredores e salas de espera

O pasado día 23 de xuño concentráronse por primeira vez para esixir melloras e maior dotación de persoal "coa maior inmediatez posíbel", mais polo momento, a situación de carencia que atravesan está pendente de se resolver.

Sen espazo nin condicións dignas

"O servizo de urxencias hospitalarias de Ferrol carece de espazos suficientes para atender adecuadamente os pacientes asegurando a súa intimidade, dignidade e seguridade. É habitual que os pacientes e acompañantes se amoreen nos corredores e salas de espera, unha situación que se reagudiza cando os pacientes ingresados permanecen no servizo de urxencias durante horas ou días á espera de cama".

O persoal asegura que son habituais esperas nunha padiola de 24 a 48 horas, "sen distancia de seguridade entre pacientes, obstaculizando saídas de emerxencia que poden ser necesarias en caso de evacuación, vulnerando dereitos fundamentais como a intimidade e a privacidade e limitando necesidades básicas como o aseo".

As persoas acompañantes, engaden, pasan horas sen sitio nin onde sentar. "Esta situación agravouse desde pandemia".

As eivas da Atención Primaria

O deterioro da Atención Primaria inflúe na saúde da poboación, advirten as profesionais de urxencias do Arquitecto Marcide nun comunciado. "O que implica un aumento da demanda asistencial nas urxencias hospitalarias e a complexidade dos problemas a tratar, facilitando o colapso do servizo".

Solicitamos unha reevaluación da situación e unha solución máis garantista que repercuta en que non se alongue esta sobrecarga que estamos a vivir

A Xerencia propón unha "avaliación de infraestrutura e obra" para dotar o hospital dun espazo adecuado para pacientes ingresados en hospitalización, unha medida que consideran acaída pero que urxen acelerar, "especialmente tendo en conta o feche de 36 camas no Hospital Naval durante todo o verán que se suma o déficit estrutural de camas da área sanitaria".

Déficit de persoal

Sobre o déficit "crónico" de persoal, apuntan consecuencias "insostíbeis" por máis tempo: unha excesiva demora nos tempos de atención dos pacientes, imposibilidade de prestar os coidados adecuados e "cargas de traballo inasumíbeis para as profesionais o que tan só fai que se potencien os riscos para usuarias e traballadoras".

Piden aumentar persoal técnico en coidados auxiliares de enfermería, enfermeiras e especialistas médicos, ademais dun mellor funcionamento do sistema que repercuta directamente nunha atención de calidade, segura e organizada.

De momento, consideran as achegas da Xerencia "mellorábeis". "Solicitamos unha reevaluación da situación e unha solución máis garantista que repercuta en que non se alongue esta sobrecarga que estamos a vivir".

Mentres, alertan a poboación "da situación que temos no servizo de urxencias hospitalarias. Non podemos permanecer máis tempo en silencio, sendo coñecedora de que a realidade actual favorece situacións de grave risco para todas e todos".