Persoal sanitario carga contra o desleixo e a precariedade da sanidade pública

Protestas de enfermeiras e fisioterapeutas ante a sede administrativa do Sergas, en compostela. (Foto: Arxina).
Enfermeiras e fisioterapeutas da Galiza concentráronse hoxe diante da sede administrativa do Sergas, en Compostela, para reivindicar unha "contratación estábel" e máis profesionais de ambas as dúas categorías.

Baixo o lema 'Esiximos solucións. Pola nosa dignidade laboral e profesional', unhas 80 persoas, segundo datos do sindicato Satse, convocante da mobilización, concentráronse diante do Sergas, en San Lázaro, para denunciar o desleixo de "administracións públicas e partidos políticos" ante a situación da sanidade pública.

Segundo sinlou a responsábel de Satse na Galiza, Malules Carbajo, a protesta é parte dunha serie de mobilizacións para reivindicar unha cota "máxima de pacientes por enfermeira" no marco da Lei de Seguridade do Paciente, que a Organización Mundial da Saúde fixa entre seis e oito.

"O Goberno pon trabas e non a leva a cabo", lamentou, Carbajo. "É un erro manifesto e este sindicato non o vai admitir e estaremos na loita até conseguilo", avisou, para insistir en reclamar un incremento de persoal, porque iso "repercute nos pacientes" e na "calidade" do servizo.

Xubilación

Outra das demandas do colectivo centrouse na xubilación anticipada aos 60 anos, segundo explicou a representante de Satse, quen apuntou que unha profesional a esa idade "está minguada porque as súas condicións así o din".

Contratos dun ano

No caso concreto da Galiza, Malules Carbajo exixiu que a "contratación ten que ser estábel, con contratos mínimo dun ano" porque "iso fidelizaría moito ao persoal". "A Administración di estar moi preocupada pola falta de profesionais, pero non vemos que faga nada para que isto non ocorra", apostilou.

Con todo, valorou a OPE con 1.070 prazas para enfermaría na Galiza, que se unirán ás prazas da oferta de 2022. "É gratificante, pero esperamos que a xente se estabilice nos seus traballos porque levan moitos anos con OPE aprobadas", sinalou. "É hora de que os interinos teñan unha praza en propiedade", sentenciou.

Atención Primaria

No caso concreto de Atención Primaria, Carbajo lembrou que se prometeu "unha enfermeira por médico" pero asegurou que "na actualidade aínda non ocorre". "Esperamos que o conselleiro cumpra a súa palabra", abundou. E engadiu que coa carteira "ampla" de funcións neste nivel asistencial "terían que ser dúas enfermeiras por médico para dar a calidade que o Sergas quere".

En canto aos hospitais, advertiu que "a gravidade é moi grande". "Temos aos fisioterapeutas nunha situación extrema, cunhas listas de espera que son superpreocupantes", subliñou, para indicar que "chegan a estar de oito meses a un ano en lista".

Máis fisioterapeutas

Por iso, lamentou que "a poboación ten que buscar fóra esa rehabilitación e o sistema non o debe permitir", remarcou. "Para iso teñen que contratar a moitísimos máis fisioterapeutas porque é imprescindible unha boa rehabilitación porque o usuario ponse moito antes no mundo laboral", sentenciou.

"Nos hospitais trabállase a correr, a facer todo rápido, a tentar chegar ao paciente, pero vemos que somos insuficientes", lamentou, para insistir en que "isto teñen que solucionalo" porque hai "moitos déficits". "A Xunta e o Goberno teñen que poñerlle solución", concluíu.