O persoal de enfermería e fisioterapia exixirá "condicións laborais dignas" á Xunta fronte á sede do Sergas

As Enfermeiras Eventuais en Loita nunha manifestación en Compostela en febreiro de 2020 (Imaxe: Arxina).
Piden que se desbloquee a Lei de Seguridade do Paciente.

O Sindicato de Enfermería (Satse) anunciou nun comunicado que persoal de enfermería e fisioterapia concentraranse na cuarta feira ante a sede do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Santiago de Compostela para "exixir solucións que acaben co grave deterioro e precariedade que viven os hospitais, centros de saúde e outros centros sanitarios e sociosanitarios da Galiza".

Non é a primeira vez que o persoal sanitario destes ámbitos maniféstase para exixir "condicións laborais dignas" á Xunta. Este mesmo ano tiveron lugar dúas concentracións o 10 e o 22 de febreiro ante os centros de saúde e hospitais galegos.

"Exiximos respecto e dignidade, tanto para os profesionais como para cidadanía", sinala o sindicato, que pon o foco nas promesas incumpridas polo Goberno galego. "Pese ao comprometido no peor da crise sanitaria da Covid-19, non incrementou o seu orzamento de maneira adecuada e suficiente".

Satse lamenta que a Xunta tampouco incrementou "os recursos e medios necesarios para prestar unha atención e coidados con claridade e seguridade".

Denuncias do persoal sanitario

O sindicato enumera as numerosas denuncias do persoal sanitario "a través das redes sociais e outras vías de comunicación, todo tipo de mobilizacións e accións de presión social", dunha "crítica realidade" que afecta aos profesionais sanitarios.

Pese ao comprometido no peor da crise sanitaria da Covid-19, (a Xunta) non incrementou o seu orzamento de maneira adecuada e suficiente

No seu chamamento á concentración, Satse tamén inclúe o estudantado de Enfermería e Fisioterapia, familiares e achegados do persoal sanitario e asociacións de pacientes, usuarios e consumidores que "queiran tamén manifestar o seu fartazgo e profundo malestar pola situación actual".

Os profesionais destes dous ámbitos sanitarios reivindican que se desbloquee a Lei de Seguridade do Paciente, a fin de contar cunha "lei de ratios enfermeira-paciente que, sen dúbida, vai repercutir na mellora da calidade e seguridade da sanidade para todos e todas".