Ángel Gabilondo, defensor do pobo estatal, entregou onte á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, o Informe Anual de 2021, o primeiro que elabora no cargo, abordando unha ampla variedade de temáticas, entre elas, a situación do sistema sanitario, que recibiu múltiples críticas polo “colapso”, especialmente de Atención Primaria, por parte de persoas usuarias, profesionais, sindicatos e forzas de oposición no Parlamento.
No informe, salienta que a sobrecarga de traballo do persoal sanitario “prexudica a calidade e até a seguridade da atención que prestan, amais de incrementar o risco para a súa propia saúde laboral”.
Ademais, fai fincapé nos efectos provocados pola pandemia de Covid-19, que xerou en varios momentos un “desbordamento dos servizos sanitarios, na Atención Primaria ou nos servizos de Urxencia e Emerxencias”, da mesma maneira, “o funcionamento dos hospitais tamén se viu moi alterado”, resolve.
Nese sentido, Gabilondo puxo o foco na necesidade de “recuperar o antes posíbel a atención normalizada”, esgrimindo varios estudos que estiman unha diminución no número de novos cancros detectados polo efecto do SARS-CoV-2 nos servizos sanitarios, e após recibir queixas de familiares de pacientes que precisan unha rehabilitación no hospital tras sufrir, maioritariamente, accidentes de tipo cerebrovascular.
Paralelamente, Gabilondo cuestionou o “grave impacto” de manter as restricións no réxime de visitas e acompañamento de pacientes, indicando que “os hospitais debían estar en condicións de progresar máis cara á normalidade”.
Con respecto á atención telefónica ás usuarias e usuarios, o reporte advirte que “ocasiona unha limitación do contacto persoal que xera maior dificultade para apreciar aspectos importantes do estado de saúde dos pacientes, que serían observábeis a simple vista”.
Ao tempo, criticou o feche de consultorios, “postos en funcionamento para facilitar o acceso equitativo a unha atención sanitaria integral”, o que pode rematar por “comprometer a garantía da calidade asistencial”.
Xa no campo da sanidade nas prisións, o defensor do pobo estatal subliñou que a falta de profesionais é un problema “recorrente” e “de sobra coñecido”, pedindo compromiso por parte da Administración para acabar cos problemas estruturais do sector, como as baixas retribucións, menores que no conxunto da sanidade pública, e lembrando que a situación actual provoca unha maior vulnerabilidade das persoas ingresadas.