Persoal de Povisa ten que realizar as probas PCR a posíbeis infectados sen máscaras FFP2

Chus Neira, da CIG, e Ruth Vallejo, da CXT, en rolda de prensa.

O persoal do hospital Povisa de Vigo realiza as probas PCR a potenciais portadores de coronavirus con máscaras cirúrxicas no canto de con máscaras FFP2 ou FFP3, que son as que máis protexen, e ademais rotan entre distintas áreas e plantas. Son as principais denuncias formuladas por traballadoras e traballadores deste centro, que mantén un concerto coa Consellaría de Sanidade.

A resposta do hospital ante a pandemia “empeorou” a respecto da primeira vaga e existe rotación de traballadores entre distintas áreas, co risco de contaxio que isto supón. Así o expuxo en rolda de prensa hoxe Chus Neira, portavoz da CIG en Povisa, quen demandou que se asignen sempre os mesmos profesionais á zona Covid-19 e que nesta se conte cun enfermeiro e cun auxiliar de enfermaría por cada catro pacientes. Advertiu de que a ratio de persoal de Povisa está “ao límite”. De aí que reclamase que se o número de profesionais por paciente se equipare co do Sergas.

A portavoz de CXT-SGPS, Ruth Vallejo, afirmou que a intención da Xerencia pasar por impor os ratios doutros centros do grupo Ribera Salud, que asegurou que alcanzan "até 30 pacientes por enfermeiro", unha proporción que no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo varía entre 8,5 e 12.

Ambas as sindicalistas deron conta de que, recentemente, Sanidade pediu que traballadoras e traballadores de Povisa presten atención en residencias de maiores e puxeron de manifesto que os policlínicos que dependen do hospital, en especial o situado na Gran Vía, atópanse “saturados”. Unha situación que impide que “non se poida manter a distancia interpersoal”.

Condicións "extenuantes"

Vallejo revelou que os traballadores de Povisa xa se atopaban "extenuados" polas condicións laborais vixentes desde "hai anos", mais alerta de que viron agravada a súa situación pola pandemia. Ademais, sinalou que se comezou a reducir o número de camas, o que achacou a un intento de "baixar o (volume de) persoal". Un movemento, dixo, que pode incrementar as listas de espera de intervencións cirúrxicas.

A dirección do hospital defende as "máscaras" e elementos de protección "adecuados" que proporcionan ao persoal, segundo os protocolos das autoridades sanitarias. Cualifica de "rotundamente falsa" a denuncia da falsa de equipos de protección individual.

135.000 tarxetas do Sergas en Povisa

Povisa dá servizo, alén de persoas particulares, a 135.000 usuarias e usuarios do Sergas, case a metade das cartillas da área sanitaria de Vigo. A parte maior do concerto entre Povisa e a Xunta, que conclúe en 2022, proporciona á compañía o 80% dos seus ingresos anuais. O Sergas paga máis de 500 euros por paciente en base ao convenio asinado en 2014. 

Precisamente, o DOG de onte publicaba a orde pola cal os usuarios do Sergas de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e barrios de Vigo, que a día de hoxe están asignados a Povisa, poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Ribera Salud, participada por un fondo de investimento estadounidense, comprou en 2019 por 24 millóns Povisa ao Grupo Nosa Terra 21.