O persoal que se incorpore ás residencias someterase a unha PCR

regreso residencia porta do camiño-19
Máis de dous meses e medio despois da reapertura das residencias ás visitas, a Xunta obrigará ao persoal que se incorpore das súas vacacións ou como nova contratación a someterse a unha proba da Covid-19.  Faino a raíz dun acordo dos Gobernos territoriais co Estado, xa que o protocolo elaborado pola Administración galega só obrigaba a facer unha PCR a profesionais con síntomas. Unha medida que chega "tarde" para as familias.  

Case tres meses despois da reapertura das residencias, a Xunta  da Galiza anunciou a medida que obriga ao persoal que se incorpore a traballar a someterse a unha proba PCR para detectar se está contaxiado da Covid-19.

O responsábel da Dirección Xeral de Maiores da Xunta da Galiza, Ildefonso de la Campa, informou deste e outros cambios no protocolo dos centros seguindo o acordo acadado entre o Estado e os Gobernos territoriais no Consello Interterritorial de Saúde. A maiores, limitaranse as visitas a unha hora diaria por residente da súa persoa de referencia; as saídas ao exterior restrinxiranse  "ao máximo".

Durante o confinamento varias residencias rexistraron ducias de casos, mentres que 247 residentes contaxiados da Covid-19 faleceron. O 30 de xuño a Xunta anunciou que non ficaban persoas contaxiadas en ningún centro. Desde entón detectáronse  positivos puntuais e case sempre relacionados con profesionais. Así foi en Xove, Burela ou Paradela.

Porén, o anuncio do director xeral de Maiores coincidiu coa detección dun foco de coronavirus na residencia de maiores Orpea, no concello de Culleredo. Segundo a propia empresa, no momento do feche desta edición eran oito residentes e dous profesionais os afectados. A maiores, hai catro traballadores contaxiados, cada un dun centro residencial diferente. 

Demanda de PCR

A  Central Intersindical Galega demandou á Xunta que comprobase se os profesionais incorporados aos centros residenciais estaban contaxiados de Covid-19 cunha proba PCR. A Consellaría de Política Social replicou que o protocolo de reactivación, elaborado coa Consellaría de Sanidade, só obrigada a facelas a quen presente síntomas compatíbeis coa Covid-19.

O sindicato nacionalista asegurou a pasada semana que as contratacións para cubrir as baixas e as vacacións dos centros da Galiza suman arredor dun milleiro e cualificou de "temeridade" non comprobar se esas persoas estaban contaxiadas. O seu voceiro na Consellaría de Política Social, Xan Carlos Ansia, explica a Nós Diario que na xornada de onte se incorporara persoal "sen a proba e sen tan sequera o certificado médico necesario".

Ansia critica as palabras de Ildefonso de la Campa na súa comparecencia, cando asegurou que as PCR non supoñen "unha garantía total". "Paréceme unha insensatez poñelas en dúbida", afirma. O voceiro da CIG admite que unha persoa que ofrece un resultado negativo ao comezar a traballar pode contaxiarse posteriormente. "Pero permite sabermos nun momento determinado se o persoal está contaxiado. A partir de aí entran os protocolos", matiza.

Javier Quián, un dos voceiros de REDE, a plataforma que aglutina as asociacións de residentes e familiares, critica a "tardanza" desta medida. "Tíñano que ter feito hai meses, pero agardaron até que o Goberno estatal ditou as medidas", censura. 

Mudanzas no protocolo

A Xunta anunciou a reapertura das residencias o 17 de maio, na primeira fase do desconfinamento. O día 15 Política Social achegou aos centros o protocolo de reactivación,  que dividiu a reapertura ás visitas en tres fases. Na terceira permitíase o réxime habitual dos centros e mais as saídas das e dos residentes. Unha fase que xa non será posíbel coas medidas consensuadas no Consello Interterritorial de Saúde.

"Moitos dos centros nunca chegaron á última fase", apunta Javier Quián. A apertura gradual das residencias depende da incidencia do coronavirus nos seus municipios e áreas. A raíz do foco da Mariña os centros da comarca fecharon as súas portas. Co aumento de contaxios das pasadas semanas, residencias nas áreas sanitarias de Ourense, A Coruña, Pontevedra e Vigo tamén suspenderon os encontros coas familias.

Francisco Vázquez Vizoso é médico epidemiólogo, ex xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra e un dos voceiros da Movemento en defensa das pensións, Modepen. En conversa con este medio, valora as medidas da Xunta mais apunta ás súas "limitacións".

"Non me parece mal facer unha PCR, pero faltan respostas a varias cuestións. Vai o Sergas derivar ao sistema sanitario ás persoas das residencias que se contaxien, como recomendan algúns expertos en Xerontoloxía? Incrementarase o persoal caso de que se produza un foco nun centro?", cuestiona. En canto ás visitas e mais as saídas, Vázquez Vizoso fai fincapé en que a clave radica "nas condicións nas que se realicen". 

Centros de día

Na súa comparecencia, Ildefonso de la Campa tamén avanzou que a Xunta estuda estender a obrigatoriedade das PCR aos case 200 centros de día da Galiza. O director xeral de Maiores detallou que neste caso aplicar a medida é máis "complicado", posto que usuarios e usuarias dormen nos seus fogares e pasan as fins de semana fóra dos centros.

Silvia Cal, voceira da plataforma de centros de día, explica que calquera directriz relacionada coa seguridade será recibida positivamente. Para retomar a súa actividade, detalla Cal, os centros de día tiveron que desenvolver plans supervisados e aprobados nas súas correspondentes áreas sanitarias. "O noso obxectivo é que os maiores estean seguros, pero tendo vida, sen volver a perder o seu día a día", apunta Cal, en referencia ao fechamento de centros na comarca da Coruña.

De todo o Estado, a Xunta da Galiza foi a última Administración en permitir a reapertura destes servizos. Fíxoo logo das repetidas queixas do sector, das persoas usuarias e das súas familias e fixou a apertura de portas tres días despois das eleccións, o 15 de xullo. "O deterioro durante o confinamento foi moi grande", lamenta Cal.

Desde a plataforma de centros cuestionan a decisión da Xunta de fechar este servizo na comarca da Coruña. Desde hai dúas semanas, as usuarias e os usuarios víronse de novos privados deste apoio e as súas familias dunha vía de conciliación. "Entendemos que haxa que fechar determinados centros se hai contaxios, pero por que todos?", pregunta a súa portavoz. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 18, nos quiosques ou na nube]