Paros do persoal dos PAC para denunciar a falla de planificación

Imaxe dunha concentración anterior de Pacs en pé de guerra

Lamentan que o Sergas non asumise responsabilidades polo sucedido a pasada fin de semana na Estrada.

O persoal dos PAs - Puntos de atención continuada- de Galiza continúa coas mobilizacións e actos para denunciar o déficit de recursos humanos e a falla de planificación. Este domingo, e convocados por PAC en pé de guerra, médicos e enfermeiros protagonizaron concentracións de media hora ante os puntos de atención.

 

Demandan uns PAC con equipos completos e acaídos á cantidade de poboación que deben atender. Neste senso, lembran que no periodo estival agrávanse as deficiencias existentes na planificación e en canto á escaseza de persoal.

 

O acontecido na Estrada -un paciente morreu no PAC sen asistencia médica ao non estar presente o facultativo, que saiu para atender unha urxencia- semella que non fixo reflexionar a administración. Desde Pacs en pé de guerra lamentan que "nin xerencias nin Sergas foron quen de asumir responsabilidades".