A morte no PAC da Estrada ispe a realidade sanitaria do goberno Feixóo

Representantes do persoal, oposición e sindicatos denuncian os recortes en persoal, a sobrecarga de traballo, que teñen graves consecuencias.

José Manuel B. B, de 64 anos, faleceu esta fin de semana cando se atopaba no PAC da Estrada e sen poder recibir asistencia médica ao estar o único facultativo fóra do centro para atender unha urxencia. Desde o entorno da propia familia da persoa falecida sinalan os recortes na sanidade pública galega como factor que deriva nestas graves consecuencias.

 

Desde ‘PACs en pé de guerra’ –colectivo de traballadores destes centros-  lembran que “vimos denunciando desde hai meses a falla de persoal” e que reivindicaron perante o Sergas “que se cubrisen todos os PAC con equipos completos Enfermeira/o-Medica/o e a revisión dos plans funcionais de cada centro, por considerar que estamos traballando con recursos mínimos”.

 

Mais esas peticións non foron atendiddas: “Atopámonos que no verán, onde a carga asistencial e a poboación aumenta, o persoal co que estamos a traballar é inferior ao do resto do ano”. O que implica “a sobrecarga e recorte de dereitos nun persoal extenuado e que xa non pode mais”.

 

Para a oposición non hai dúbida de que estamos perante un feito “moi grave”. BNG e En Marea queren a comparecencia do conselleiro de Sanidade para que dea explicacións. A nacionalista Montse Prado indicou que os propios profesionais advertían de que a falla de persoal podía ter consecuencias graves. O PAC da Estrada ten como cadro un médico e un enfermeiro e con esa dotación (que se reforza en festivos, fins de semana… copnoutro médico) deben atender una poboación de case 21.000 habitantes. Desde o PSdeG tamén se sumaron ás denuncias: “O déficit de persoal no período estival acaba tendo consecuencias sanitarias graves”, segundo Leiceaga.

 

Desde CIG-Saúde sinalan a “política de aforro” do Sergas como responsábel. Lembran que hai “queixas sistemáticas” pola falla de cobertura do persoal sanitario