Persoal do servizo de extinción acusa a Xunta de “improvisar a xestión” dos lumes forestais

Imaxe de arquivo dun lume na Galiza. (Foto: Por un monte galego con futuro)
A CIG asegura que o dispositivo está "en cueiros" cando xa comeza a tempada de maior risco e advirte de que a caseta destinada a este servizo en Salvaterra estaba pechada cando tivo lugar un lume.

A representación das e dos traballadores do servizo contraincendios da Xunta na central CIG-Administración acusou a Xunta de ter a organización do dispositivo de control dos lumes “en cueiros” cando comeza a tempada de maior risco nos montes galegos.

Ademais de denunciar novamente a falta de vacinación ao colectivo e de indicar que falta unha maior formación por parte do Goberno galego e, en concreto, da Consellaría do Medio Rural, o sindicato incidiu en que “a improvisación” está a ser o que marca a posta en marcha do operativo especial.

Sinala que tanto a estrutura organizativa como os medios do servizo, así como a situación do persoal, están abertas.

“O operativo non está preparado para o alto risco nin tampouco para asumir unha semana de altas temperaturas”, remarca, aludindo ao problema engadido de que o Executivo permita un “modelo produtivo no que non se potencian as especies pirófitas, o que fai máis grandes e perigosos os incendios forestais”.

Así mesmo, advirten de que xa na primavera houbo problemas nalgúns lumes, pois por exemplo en Salvaterra -onde arderon 352 hectáreas- os equipos de extinción atoparon a “caseta do servizo fechada e só había unha motobomba de noite en todo o distrito”.

Pero a CIG non só fala dos problemas de material, senón tamén das supostas malas condicións do cadro de persoal.

O Servizo de Prevención de Incendios Forestais ten 2.350 empregadas e empregados, dos que, comentan, “un 40% ten un contrato precario, de apenas seis meses, e traballa sen coñecemento previo da data fixa de comezo e remate dos períodos de actividade”.