Persoal do CHUS rexeita participar nunha homenaxe polo aniversario da pandemia: "Non precisamos aplausos inútiles"

Manifestación de médicos de atención primaria en Santiago de Compostela en 2019 (Foto: Nós Diario).
Desde o sindicato O’Mega indican que saben “moi ben todo o esforzo realizado polo persoal sanitario durante aqueles difíciles momentos . Demos exemplo de compromiso e profesionalidade á sociedade, arriscando, en moitos casos, a nosa saúde e mesmo a nosa vida”.

Esta terza feira, día 14 de marzo, fanse tres anos desde que o Goberno español decretase o Estado de alarma por causa da, naquela altura, incipiente pandemia de Covid-19, algo que derivou nun confinamento de toda a poboación que acabou por durar máis de dous meses.

En conmemoración desta data, a xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela – O Barbanza decidiu organizar unha homenaxe aos profesionais de dita área sanitaria para recoñeceu o seu labor durante aquelas datas.

Ante este convite da xerencia, o sindicato O’Mega, anunciou o seu rexeitamento a asistir a esta homenaxe alegando que “a mellor homenaxe que a área sanitaria lle pode facer aos facultativos é unha boa xestión”.

Desde O’Mega indican que saben “moi ben todo o esforzo realizado polo persoal sanitario durante aqueles difíciles momentos . Demos exemplo de compromiso e profesionalidade á sociedade, arriscando, en moitos casos, a nosa saúde e mesmo a nosa vida”.

“Con todo, nesta era pos-pandemia, non precisamos boas palabras nin aplausos inútiles. Precisamos unha boa xestión, con máis recursos, para poder traballar ben e ofrecer aos nosos pacientes a atención que merecen”, manifestan desde O’Mega.

Reclamacións

Entre as demandas que o sindicato fai á xerencia da área sanitaria, encóntrase “aumentar o cadro de persoal para atender a demanda asistencial. Estamos cansos, saturados e indignados pola actitude desta xerencia que usa a mobilización dos seus profesionais para cubrir as carencias derivadas da súa mala xestión”.

“A escaseza de facultativos non é máis que o resultado da política de contratación desta xerencia nos últimos anos que levou moita xente nova a buscar mellores alternativas noutros centros ou mesmo noutros países”, acrecentan.