Persoal das residencias públicas denuncia os recortes da Xunta

Protesta do persoal dunha residencia de maiores. (Foto: Nós Diario)
Afirman que desde que Alberto Núñez Feixoo está no Goberno galego viron reducidos os cadros de persoal e os recursos, unha situación que é peor en plena pandemia.

O persoal dos centros residenciais da Xunta volveuse manifestar esta quinta feira para protestar polo deterioro dos servizos, que se puxo máis de manifesto desde que comezou a pandemia da Covid-19.

Nun novo día de protestas, traballadoras e traballadores saíron ás portas dalgunhas infraestruturas dependentes da Consellaría de Política Social con carteis pedindo a dimisión da responsábel do departamento Fabiola García e queixándose do paulatino deterioro.

“Desde o ano 2012, a Xunta de Feijoo o único ao que se dedicou, con respecto ao persoal ao seu servizo, foi ao brutal recorte de dereitos previstos no V Convenio Colectivo Único para os traballadores e traballadoras”, incidiron nun comunicado. Xa non falan do trato ás e aos residentes, senón das condicións laborais que complican o día a día. De feito ao longo destes meses coñecéronse moitos casos susceptíbeis de causar preocupación na sociedade e agromaron as queixas laborais.

Ademais de falar desa redución de dereitos, o cadro de persoal asegura que é menor e dispón de poucos medios materiais, algo que se está a ver “insostíbel coa pandemia”.

Nas reivindicacións advertiron de que “máis do 50%” das e dos empregados públicos nas residencias son interinos, polo que os centros están minimamente atendidos e con operarias “sobresaturadas de traballo”.

Aliás, “a Consellaría de Política Social é na que máis accidentes de traballo acumula toda a Xunta”. E co coronavirus aínda ameazante, denuncian que non hai un plan de continxencia despois de nove meses de coñecer o virus.

“Coas novas de que está “aplanándose” a curva de contaxios da terceira onda do virus nas nosas residencias seguimos con 28 compañeiros e compañeiras contaxiados e sumamos 234 positivos confirmados nesta última onda so entre o persoal”, lamentaron. Ante a desatención de Política Social chamaron á dimisión a Fabiola García que, din, non acepta as chamadas a negociar coa representación sindical.