Persoal da CRTVG continúa a dobre xornada de folga contra "os abusos"

Concentración do persoal da CRTVG, hoxe en Santiago. (Foto: Nós Diario)
Denuncian "manipulación informativa"

Baixo o lema "Non máis abusos", o Comité Intercentros da CRTVG volveu convocar o persoal da corporación a outras dúas xornadas de folga e de mobilizacións, tanto hoxe como mañá.

Con esta protesta buscan denunciar "unha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da compañía".

Así, persoal da CRTVG concentrouse esta mañá na Praza do Toural, en Santiago, onde o comité denunciou que "os traslados forzosos" de traballadoras e traballadores como medida de "castigo" son a "manifestación máis recente desta situación xa insostíbel de abusos laborais" aos que cómpre "pórlles fin" e "defender a dignidade das persoas traballadoras que reclaman a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e o pluralismo" dos medios públicos.

Os servizos mínimos

O DOG publicou hxoe os servizos mínimos estabelecidos pola CRTVG, en base ao sentido do artigo 2 do Decreto 155/1988, sobre prestacións de servizos esenciais no caso da folga de persoal a servizo da Administración galega.

A orde estabelece os servizos mínimos para garantir a produción e emisión dos programas informativos que son considerados imprescindíbeis para o mantemento dos servizos públicos de información á poboación.

Os boletíns horarios, pequenos espazos de catro minutos ao longo do día, mantéñense como información mínima. Porén, os programas non informativos, directos ou gravados, non se dotan de servizos mínimos, así como tampouco as informacións de deportes ou do tempo.