Persoal científico galego estudiará durante tres anos a loita contra os incendios co uso de gando

Cabalos ceibos no monte (Foto: Asociación Forestal de Galicia).
O obxectivo é innovar e modernizar a práctica combinada de queimas prescritas e o pastoreo con gando extensivo.

Un proxecto de xestión de combustíbeis forestais baseado na implementación de "plans de herbivorismo pírico" con gandería extensiva, que conta con participación galega, foi apoiado pola Fundación Biodiversidade do Goberno do Estado español.

O proxecto, no que participa a Asociación Forestal de Galicia e a Universidade de Santiago (USC), xunto con entidades de Nafarroa e Andalucía, desenvolverá modelos piloto de protección contra os incendios forestais durante o próximos tres anos.

Segundo destacou a asociación, o obxectivo é innovar e modernizar a práctica combinada de queimas prescritas e o pastoreo con gando extensivo, tal e como se realiza noutros Estados afectados polo risco de grandes incendios forestais.

Deste modo, o proxecto desenvolverá experiencias e plans pilotos en distintos municipios da Galiza, nos que aplicará "novas tecnoloxías como os fechamentos virtuais". Con este sistema, trátase de controlar a localización do gando a través de colares GPS que emiten sinais de advertencia para os animais no caso de que tenten saír das coordenadas estabelecidas para o pastoreo.

A asociación explicou que as experiencias e os plans piloto que se desenvolverán medirán o efecto das queimas controladas, combinadas con pastoreo, sobre a recuperación da vexetación e a evolución dos hábitats.

Ademais, destacou como punto de interese do proxecto a valoración do impacto das queimas controladas sobre arborado que, a baixa intensidade, poida estar presente nas zonas de queimas controladas, coa finalidade de valorar a compatibilidade desta práctica coa conservación do arborado.

Posíbeis modelos empresariais

Os ensaios levarán a cabo tanto na Galiza como nas comunidades de Nafarroa e Andalucía. Os plans piloto e experiencias buscan servir de exemplo no agro sobre posíbeis modelos empresariais que contribúan a crear paisaxes resilientes.

Esta iniciativa, denominada 'Compás' (Pastando Combustíbel), é un dos 14 proxectos aprobados na convocatoria de subvencións para Grandes Proxectos Transformadores de ámbito científico técnico para a promoción da bioeconomía, da Fundación Biodiversidade. O proxecto recibirá 1,36 millóns de euros de fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O participado deste proxecto está constituído por cinco socios: Universidade Pública de Nafarroa, a Estación Experimental de Zaidín (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Asociación Pastores polo Monte Mediterráneo e a Asociación Forestal de Galicia. Ademais, contará tamén con apoios de organismos públicos de xestión, así como con empresas e entidades de ámbito local.