Sanidade pública

"Colapsos", "fechamentos" e falta de recursos: as "perlas" da sanidade galega ás portas do verán

Urxencias nun centro de saúde. (Foto: Europa Press)
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública pon de manifesto as carencias que percibe na Atención Primaria da Galiza.

Colapsos, falta de recursos —humanos e materiais— e información "falsa" son as principais 'perlas' que a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ve no sistema sanitario público da Galiza ás portas do verán. Así o vén de notificar a través dun comunicado remitido aos medios, no que alerta, en primeiro lugar, do "colapso dos servizos de Urxencias hospitalarios" en lugares como Ourense, o que se traduce, lamenta, en "esperas de máis de oito horas" para as persoas doentes.

Tamén na cidade das Burgas, acrecentan que as Urxencias están a ser atendidas "pola metade do persoal médico". E as eivas en materia de recursos humanos percíbenas tamén en municipios que multiplican de forma considerábel a súa poboación durante o período estival, como é o caso da comarca do Salnés e, máis concretamente, Sanxenxo. Alí, censura o colectivo, "suprímense os reforzos de persoal médico e enfermaría".

E, máis aló diso, a AGDSP pon o foco tamén no fechamento, directamente, de centros de consultorios "como en Cangas ou A Caniza", municipio este último no que o "recorte de persoal facultativo e o feche do ambulatorio de Valeixe" levou a veciñanza a se mobilizar esta segunda feira ás portas do Parlamento galego. Isto, sinalan, "afasta e dificulta a asistencia sanitaria da poboación do medio rural".

Aluden tamén á "falta de ambulancias" que supón atrasos de "máis dunha hora" na asistencia de pacientes que chaman por unha urxencia, e poñen como exemplo Cerdedo-Cotobade. Precisamente as eivas neste servizo propiciaron a convocatoria de cinco xornadas de folga en xullo por mor da "sobrecarga" de traballo.

As e os pacientes, como no caso de Baltar, sofren "atrasos de días na realización de analíticas por falta de persoal de enfermaría", e, a nivel xeral, a AGDSP percibe na Galiza un "incremento da precariedade das condicións de traballo do persoal".

Tamén consideran desde esta entidade "ridículo" o aumento do número de camas (10% máis) ou quirófanos (un máis) na ampliación do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, o que cren que busca "favorecer a concertación con centros privados da localidade".

Por último, denuncian a "falsa información" difundida pola Consellaría de Sanidade, "asegurando que non se repetirán os problemas asistenciais do ano pasado nos centros de saúde a pesar de non planificar a incorporación de novo persoal".